ALCALDÍA
O alcalde afirma que o reparto de fondos para as liñas de baixo custo non respecta a diferenza relativa entre os aeroportos
Para o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, o reparto de fondos para as liñas de baixo custo anunciado pola Xunta "é un reparto igualitario, pero non respecta a diferenza relativa que existe entre cada un dos aeroportos". Con todo, considerou "moi positivo que a Comunidade Autónoma se implique neste tema".
INFRAESTRUTURAS E CIRCULACIÓN VIARIA
Un carril de subida e outro de baixada no tramo do Hórreo entre Fernando III O Santo e a glorieta ata o final das obras
A partir do luns 16 de novembro e ata o final da obra do túnel do Hórreo, o tramo entre Fernando III O Santo e a rotonda quedará reducido definitivamente a un carril por cada sentido. Ademais, dende o luns 23 de novembro, o vieiro Antón Fraguas quedará cun carril por sentido e Romero Donallo terá unicamente un carril de subida, abrindo en sentido baixada un carril directo a Antón Fraguas.
CULTURA
Oliver Laxe, segundo cineasta convidado no ciclo "Emerxentes" de Cineuropa
Oliver Laxe é a segunda figura homenaxeada no marco da sección Emerxentes, co que Cineuropa quere axudar espallar a obra de catro nomes sobranceiros no actual cinema galego. Ás 20:00 horas do venres 13 proxectaranse no Teatro Principal catro filmes asinados polo cineasta coruñés, entre eles unha versión provisional da que será a súa primeira longametraxe. O propio Laxe fará unha introdución á súa obra e, tras as proxeccións, manterá un coloquio co público presente.
EDUCACIÓN
Santiago de Compostela únese ao recordo das vítimas da violencia viaria
O 15 de novembro celébrase o Día mundial en recordo das vítimas da violencia viaria. A cidade de Santiago unirase a esta conmemoración cunha serie de actividades a celebrar o día anterior, o sábado 14 de novembro.
DEPORTES
O parque Eugenio Granell acolle o II Trofeo de campo a través "Cidade de Santiago"
O sábado 14 de novembro, o parque Eugenio Granell, no Restollal, será o escenario da primeira das xornadas do II Trofeo de Atletismo de campo a través Cidade de Santiago. A segunda xornada celebrarase o 12 de decembro.
COMERCIO
Un tratamento de chocolaterapia gaña o concurso "Regalar custa pouco"
O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os produtos gañadores do II Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco; un programa que ten como obxectivo potenciar as compras nos establecementos comerciais da cidade durante o Nadal.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O Premio Manuel Beiras recoñece un ano máis o labor de normalización do uso da lingua nas empresas
O Concello e a Cámara de Comercio de Santiago convocan a décima edición do Premio Manuel Beiras. Este galardón tratan de recoñecer o esforzo que realizan as empresas do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega.
PARQUES E XARDÍNS
Villestro conta cun novo parque infantil
Os cativos e cativas de Villestro dispoñen xa dunha nova área de xogos e parque infantil na súa parroquia. A construción deste novo equipamento, impulsado pola Concellaría do Medio Ambiente, Parques e Xardíns, supuxo un investimnto 24.914 euros.
XUVENTUDE
Entregados os premios premios da segunda edición de "MúsicaXove"
A Concellaría de Xuventude entregou na Sala Capitol os premios aos gañadores do segunda edición do Certame MúsicaXove, nas modalidades de metal, hip-hop, canción de autor e pop-rock. O acto contou coa presenza do director Xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro.
BOMBEIROS
O Museo do Pobo Galego, escenario dun simulacro de incendio
Para pechar o "Curso básico de intervencións de extincións de incendios en Patrimonio histórico", organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, celebrouse un simulacro de incendio no Museo do Pobo Galego. Os bombeiros realizaron talleres de intervención relativos a extinción de incendios, evacuación e manipulación de obras de arte.