DEPORTES
Os nenos e nenas participantes nas actividades de Nadal do Centro Don Bosco patinaron na pista de xeo
Continúa aberta a pista de xeo da Alameda, e con ela as visitas de distintos colectivos, co fin de que ninguén quede sen patinar. Desta vez foron os rapaces do Centro Xuvenil Don Bosco os que pasaron polo recinto. Alí con eles tamén estivo o concelleiro de Deportes, Adrián Varela.
EDUCACIÓN
Últimas dúas xornadas do programa de conciliación laboral e familiar de Nadal da Concellería de Educación
A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, acompañou, durante unha visita ao Museo do Pobo Galego, os nenos e nenas que participan nas actividades de conciliación de Nadal organizadas polo seu departamento nos CEIP Pío XII, As Fontiñas e Ramón Cabanillas. Este era o penúltimo día do programa, que rematará o luns 7.
MEDIO RURAL
A reposición dos máis de 38.000 metros de cableado roubados en 2012 supuxo para o Concello un gasto de 150.000 euros
O concelleiro de Medio Rural, Alumeado Público e Abastecemento e Saneamento, Luis Bello, expresou en rolda de prensa a súa preocupación polo crecente número de roubos de cableado do alumeado público. Así, ao longo de 2012 foron subtraídos 38.295 metros de cable de cobre en 56 instalacións municipais, que xeraron un custo de reposición de 150.287 euros e se traduciron en 17 denuncias.
CULTURA
Dani Mateo inaugura o ciclo Falabaratos 2013 no Auditorio de Galicia
O ciclo Falabaratos, do Departamento de Cultura, trae nova programación neste 2013 e estrea a mesma con Dani Mateo o sábado 12 de xaneiro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.