NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Os Reis Magos convidan os nenos e nenas a pedir os seus desexos para a lingua galega
A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, presentou o concurso Carta aos Reis Magos, destinado a promover o uso da lingua galega nestas datas de Nadal. Os propios Reis Magos motivarán os rapaces para que na súa carta formulen os seus desexos para o idioma.
XUVENTUDE
A quinta edición do certame MúsicaXove xa ten os seus sete finalistas
O MúsicaXove’12, certame organizado pola Concellaría de Xuventude, xa ten seleccionados os seus finalistas. Son 7 grupos elixidos entre as 44 propostas iniciais de toda Galicia: 26 bandas de pop-rock, 8 de metal e 10 doutras músicas. As finais celebraranse o xoves 20 de decembro, a partir das 21:30 horas, na Sala Capitol.
ALCALDÍA
As obras nas beirarrúas do Ensanche comezarán despois do Nadal
O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Comercio, Reyes Leis, recibiron o presidente da Fundación Santiago Centro, José María Fernández, e a José Luis Pintos, membro da Fundación. Con eles falou de diversos aspectos que afectan ao comercio do Ensanche compostelán, como a implantación dos novos parquímetros da ORA, as obras en determinadas beirarrúas ou a campaña de Nadal.
FESTAS
Máis alumeado de Nadal a menor prezo
A Xunta de Goberno Local adxudicou o contrato de iluminación pública de Nadal, que este ano chegará por primeira vez ao rural e tamén a máis rúas da cidade. Está previsto que o alumeado poida acenderse dous ou tres días antes do inicialmente previsto, o 21 de decembro.
BENESTAR SOCIAL
O Portal das Asociacións dará visibilidade, publicidade e asesoramento ás entidades e redes sociais de Compostela
A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, presentou un proxecto de apoio ao sector asociativo, que permitirá a creación do Portal das Asociacións, integrado na web municipal Compostela Integra. Aquí, as redes e entidades sociais do municipio poderán ter un espazo no que dar a coñecer as súas actividades e un instrumento para atopar asesoramento.
COMERCIO
O Concurso de Beléns e Ambientación de Nadal inclúe como novidade na súa segunda edición unha categoría para comercios
A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou a segunda edición do Concurso Municipal de Beléns e Ambientación de Nadal, co obxecto de promocionar as manifestacións de tradición popular típicas das celebracións do Nadal.
XUNTA DE GOBERNO
A Xunta de Goberno deu conta dos listados de solicitantes para as hortas das Fontiñas
A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, tomou en coñecemento o listado de solicitantes da cesión de hortas urbanas municipais en Fontiñas. Tamén se deu o visto bo a novas obras na Almáciga, Fontiñas e O Castiñeiriño.
ECONOMÍA
Máis de 90 empresas xa se inscribiron en Getting Contacts!
O venres 14 de decembro celebrarase a segunda Xornada de Cooperación Empresarial Getting Contacts! de Santiago de Compostela, dentro do programa Santiago Investors Support, da Concellería de Economía, para a cal xa hai máis de 90 empresas inscritas. A Xornada ten coma obxectivos fortalecer as empresas locais, facilitando os contactos e o networking, xerar novas oportunidades de negocio, atraer a empresarios de outras pobacións e abrir as portas a novas inversións.
ALCALDÍA
A xornada de portas abertas na pista de xeo prolóngase ata as seis de mañá xoves
A pista de xeo abriuse ao público cunha xornada de portas abertas, que se prolongará ata mañá xoves ás 18:00 horas. O recinto, que permanecerá instalado no paseo central da Alameda ata o 3 de febreiro, foi inaugurado polo alcalde, Ángel Currás.