XUVENTUDE
Ocean’s Garden, Caxade e Los Septiembre, gañadores da quinta edición de MúsicaXove
Celebrouse na Sala Capitol o concerto final da quinta edición do certame MúsicaXove, organizado pola Concellaría de Xuventude. Uns 200 espectadores asistiron a esta actuación, tras a cal o xurado elixiu aos tres gañadores: Ocean’s Garden, Caxade e Los Septiembre.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Seguen os obradoiros para bebés dentro do programa Vive o Nadal 2012
A Concellaría de Centros Socioculturais amosase moi satisfeita pola boa acollida e o desenvolvemento dos obradoiros para bebés do programa Medrar en familia, que se están a desenvolver no marco do programa Vive o Nadal 2012. Na última sesión, celebrada o xoves 20, nenos e nenas de 12 a 36 meses e os seus pais participaron nunha estimulante actividade creativa na que descubriron o sabor das cores e a textura das pinturas.
CONSORCIO
Os nenos converteranse en investigadores nos talleres da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago
O sábado 22 continúan os talleres para nenos na nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, na praza das Praterías, introducindo unha nova dinámica que fará que os máis pequenos se convertan por unhas horas en detectives á procura do segredo que esconde a Compostela medieval. Os obradoiros están orientadas a nenos de entre 6 e 12 anos: os sábados ás 12:00 e ás 18:00 e os domingos ás 12:00 horas.
INFRAESTRUTURAS
As actuacións para a mellora da mobilidade na Almáciga comezarán no verán de 2013
A concelleira de Obras, Infraestruturas e Medio Ambiente, María Castelao, presentou os estudos previos do proxecto de mellora da mobilidade no barrio da Almáciga, que xa foran amosados ás asociacións veciñais do barrio na xornada anterior. Incluído no proxecto Urbana Santiago Norte, este proxecto inclúe importantes actuacións en áreas como as rúas Basquiños, Pastoriza, Caramoniña e Escultor Asorey ou a creación dun corredor verde.
EMPREGO
Trinta alumnos fórmanse en carpintería e en mantemento de páxinas web grazas ao obradoiro "Santiago Emprega"
A concelleira de Benestar Social e Emprego, Paula Prado, e a directora xeral de Emprego e Formación, Ana Díaz, inauguraron no edficio Cersia o obradoiro de emprego Santiago Emprega. Durará seis meses, contará cunha inversión de 315.000 euros e permitirá a contratación de 37 persoas.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O Concurso de Cartas aos Reis Magos xa ten os seus tres gañadores
A Casa Real de Oriente e o Concello de Santiago acaban de seleccionar os premiados no concurso de cartas de reis. Son Lois Iglesias Míguez, dos Salgueiriños de Abaixo, na categoría de infantil; Iago Álvarez Neira, do Eixo, na categoría de primeiro ciclo de primaria; e Esther Saavedra Cereijo, da Virxe da Cerca, na categoría de segundo ciclo de primaria. Os tres poderán recoller os seus agasallos o día 5, das mans dos propios Reis Magos.