COVID-19
Minuto de silencio no Obradoiro en memoria das persoas falecidas a causa da COVID-19
A praza do Obradoiro acolleu este mediodía un minuto de silencio en memoria das persoas falecidas a causa da COVID-19. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou no acto, ao que tamén se sumaron outros/as integrantes da Corporación e traballadores/as municipais. O minuto pechouse cun prolongado aplauso.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Os centros socioculturais celebran este xoves o Día Internacional do Xogo cunha xornada de xogos en liña
Mañá xoves, 28 de maio, celebrarase o Día Internacional do Xogo 2020. Para celebralo, nestas circunstancias especiais da COVID-19, a rede de centros socioculturais preparou unha xornada de xogos en liña. As inscricións están abertas ata mañá mesmo, ata esgotar prazas, no teléfono 981 543 017.
TURISMO
A Xunta de Goberno aproba a modificación dun crédito de 100.000 euros para destinalo a axudas ao sector hosteleiro
A Xunta de Goberno Local, reunida de urxencia, aprobou un expediente de modificación de crédito, por un importe de 100.000 euros, co obxectivo de dar cobertura á convocatoria de axudas para a mellora e innovación da restauración e da hospedaxe de Santiago de Compostela.
COMERCIO E PROMOCIÓN ECONÓMICA
Concello e Cámara facilitarán o acceso gratuíto de 200 establecementos de Compostela ao selo "Comercio de confianza"
O Concello e a Cámara de Comercio de Santiago facilitarán que 200 establecementos comerciais da cidade poidan acceder ao selo "Comercio de confianza", impulsado pola Cámara de Comercio de España e a Secretaría de Estado de Comercio. En virtude desta colaboración, o Concello sufragará á Cámara o custo dos selos (57 euros + IVE) para os 200 primeiros comercios que soliciten e obteñan este selo.
ALCALDÍA
Concello e Xunta reúnense para coordinar accións en materia cultural e turística
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron un encontro a través de videoconferencia para coordinar diferentes accións en materia cultural e turística que as dúas administracións están desenvolvendo na capital galega. Así, entre os asuntos abordados atópase a reapertura das oficinas de turismo de titularidade municipal e autonómica, co fin de retomar e acompañar a reactivación do turismo.
POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS
Os Premios Youtubeir@s abren este mércores o prazo de inscrición nunha cuarta edición con 12 galardóns
Os Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos –entre eles o de Santiago de Compostela-, das tres universidades e da Deputación da Coruña, lanzan a súa cuarta edición con cambios significativos nas súas bases e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame neste ano. O prazo de inscrición ábrese mañá martes, 27 de maio.
MEDIO RURAL
Medio Rural abre o procedemento de adxudicación de cinco obras no rural por algo máis dun millón de euros
O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, deu conta este martes de cinco obras previstas na zona rural cuxo procedemento de adxudicación se acaba de aprobar, e ás que se destinarán 1.030.773,18 euros euros (IVE incluído). Onte, en Xunta de Goberno, deuse luz verde aos cinco expedientes, ao gasto correspondente e á apertura dos distintos procedementos de adxudicación dos traballos incluídos no POS, o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña.
PARQUES E XARDÍNS
Sen quendas e horarios nas hortas municipais dende este mércores
Dende mañá mércores, 27 de maio, queda suprimido os sistema de restricións e quendas nas horas municipais, permitíndose o acceso libre a todos/as os/as adxudicatarios/as de uso das parcelas. Así o anuncia do Departamento de Parques e Xardíns, dende o que se lembra que, á marxe das novas posibilidades de acceso, segue vixente o estado de alarma e deben manterse as condicións de seguridade, protección e distanciamento social para desenvolver as actividades hortícolas.
IGUALDADE
Aberta a convocatoria da edición 2020 do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres
Xa está aberta a convocatoria da edición 2020 do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres, organizado pola Concellaría de Políticas de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela. Os traballos gañadores en cada unha das dúas modalidades en que se divide o premio percibirán 2.500 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de decembro.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
O alcalde participará o xoves nun webinar informativo sobre o Plan Marco de Reactivación Económica
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organiza un webinar informativo sobre o Plan Marco de Reactivación Económica do Concello de Santiago, no marco das actividades de colaboración conveniadas co Concello de Santiago e co obxectivo de mellorar o coñecemento das liñas municipais de axudas postas en marcha a raíz da crise do COVID-19. A cita é este xoves, ás 11:00 horas, e contará coa presenza do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.