DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL
Tempo para aprender a conducir dun modo eficiente
Os condutores composteláns terán a oportunidade de aprender a aforrar combustible grazas aos Cursos de Condución Eficiente. Celebraranse do 11 ao 13 de febreiro e teñen como obxectivo buscar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución.
FESTAS
Aberto o prazo de inscrición no desfile de Antroido
O martes 5 de febreiro celebrarase o tradicional desfile das carrozas e comparsas do Antroido 2008, no que poderán participar libremente todos aqueles que o desexen. Este ano repartiranse 12.200 euros en premios nas categorías de carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual.
CULTURA
A Zona C acolle a última mostra do artista compostelán Santi Jiménez
Albergues transitorios é o título da mostra do compostelán Santi Jiménez que a Zona C acollerá ata o 24 de febreiro. Na exposición exhíbense debuxos en gran formato realizados sobre a parede con spray e grafito, provocando un contraste entre a poética da liña e a rotundidade da técnica utilizada.
CULTURA
A cellista Natalia Gutman acompaña á Real Filharmonía nun novo concerto no Auditorio
Un novo concerto de abono da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia acolle a actuación da recoñecida violoncellista alemá Natalia Gutman, gañadora de diferentes premios internacionais, como o Munich ARD, en 1967. Dende entón foron moitas as xiras que fixo xunto con prestixiosas orquestras de Austria, Alemania, Rusia e Gran Bretaña.
ALCALDÍA
O Concello informa aos veciños da Pulleira do cambio que experimentará a zona
O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo e a concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, xunto con técnicos e arquitectos de Emuvissa reuníronse con veciños da Pulleira para explicarlles con detalle o que será a primeira actuación do novo PXOM na zona norte de Santiago.
ALCALDÍA
O presidente de Caixanova confírmalle ao alcalde a adquisición do edificio de El Pilar
O antigo edificio de El Pilar terá un uso sociocultural, con auditorio incluído. Así será trala adquisición deste inmoble por Caixanova, tal como llo confirmou o presidente da entidade bancaria, Julio Fernández Gayoso, ao alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, nunha reunión mantida en Raxoi.
DEPORTES E CENTROS SOCIOCULTURAIS
Compostela únese a unha campaña de promoción do ciclismo
O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, inaugurou no Centro Sociocultural de Vite a exposición fotográfica "120 anos de ciclismo en Galicia", enmarcada dentro da campaña "Ciclismo no meu concello", organizada pola Fundación Ciclismo Galego. A iniciativa completarase cunha proba ciclista para nenos a finais de febreiro.
CULTURA
Teatro do Noroeste estrea "Extrarradios"
A nova montaxe de Teatro do Noroeste estréase no Principal. Luma Gómez e Victoria Pérez Varela protagonizan "Extrarradios (comedia das mulleres desamparadas), un casual encontro entre dúas mulleres singulares. A estrea, de balde con invitación, será o mércores 16, aínda que tamén haberá representacións durante dous días máis.
ALCALDÍA
O Consello Xacobeo analizou en Santiago as iniciativas previstas para o Ano Santo 2010
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo asistiu ao pleno do Consello Xacobeo, celebrado no Hotel Monumento San Francisco. Alí coincidiu co ministro de Cultura, César Antonio Molina; co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e coa conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.
TRANSPORTES
Os aparcadoiros de Xoán XXIII e Belvís lanzan a tarxeta "aparcafácil"
O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, fixo balance dos resultados dos aparcadoiros xestionados por Tussa en 2007 e anunciou as novidades para o ano 2008. Entre estas destaca a implantación dunha tarxeta "aparcafácil", que permitirá aos usuarios adquirir horas e minutos de estacionamento cun 10% de balde, tanto no aparcadoiro de Xoán XXIII como no de Belvís.