ALCALDÍA
Visita do embaixador de Alemaña
O embaixador de Alemaña, Wolf-Ruthard Born, pasou polo Pazo de Raxoi, onde foi recibido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. O embaixador está de visita en Galicia, onde se está a manter diversas xuntanzas.
DEPORTES
Compostela saíu á rúa para vivir unha nova edición da Carreira Pedestre Popular
Como cada ano por estas datas, centos de composteláns saíron á rúa para vivir a Carreira Pedestre Popular, uns para correr e outros simplemente para animar aos atletas. Nesta XXIX edición, o gañador foi, por segundo ano consecutivo, o atleta keniata Peter Kamais, cun tempo de 35 minutos e 15 segundos.
URBANISMO
Todo listo para a construción de 646 novas vivendas en Pontepedriña
A Xunta de Goberno do luns 30 de outubro aprobará definitivamente o proxecto de urbanización do Sunp-7 de Pontepedriña, que permitirá a construción de 646 novas vivendas. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugalo, presentou este plan residencial, que se ubicará entre a Rúa da Estrada e a rúa do Paxonal. O comezo das obras está previsto para marzo de 2007.
ALCALDÍA
Recoñecemento aos galegos do ano
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu un ano máis á entrega dos premios "Galegos do ano", que promove o grupo El Correo Gallego. No acto, ao que tamén asistiu, entre outros, a ministra de Agricultura e Pesca, Elena Espinosa, serviu para recoñecer a persoas e institucións galegas que destacan polo seu labor e traxectoria.
URBANISMO
Sánchez Bugallo: "A política de solo industrial vai seguir sendo unha prioridade"
Na súa habitual comparecencia ante os medios dos venres, para analizar a actualidade local, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo felicitouse pola aprobación definitiva da modificación do Plan parcial do Sunp-34 de Boisaca. Esta acordo adoptado polo Pleno permitirá por en marcha este polígono industrial, tras repararse os erros de medición do proxecto inicial redactado pola Sociedade Estatal de Promoción e Equipamento do Solo (SEPES).
URBANISMO
A incorporación de alegacións achega 2.688 novas vivendas ao PXOM
A revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM), coa incorporación das alegacións aprobadas no Pleno do 31 de xullo, supuxo un incremento da capacidade residencial. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, explicou estes cambios nas magnitudes, que permitirán unha previsión de 38.071 vivendas, 2.688 máis que as contempladas na aprobación inicial.
TURISMO
Santiago asiste á xuntanza das Cidades Europeas de Turismo
A rede European Cities Tourism celebra en Dubrovnik (Croacia) entre o 25 e o 28 de outubro un seminario sobre competencia dos destinos turísticos, as conexións aéreas e diversos obradoiros técnicos aos que asiste Turismo de Santiago. O xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, representa á cidade na reunión desta rede, integrada polos entes turísticos de máis de 104 destinos do continente.
ALCALDÍA
Os veciños do Ensanche amósanlle as súas inquedanzas aos responsables municipais
Os integrantes da Asociación de Veciños Raigame mantiveron unha xuntanza co alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, no seu local da Praza de Vigo. Tamén asistiron á xuntanza a concelleira de Medio Ambiente, Limpeza e Cemiterios, Marta Álvarez-Santullano, e o concelleiro de Infraestruturas e Equipamentos, Bernardino Rama.
ALCALDÍA
Un Nobel de Química en Santiago
O Premio Nobel de Química en 1991, Richard Ernst pronuncia unha conferencia o venres 27 no marco do Programa ConCiencia, organizado polo Consorcio de Santiago, e que nas últimas semanas xa contou coas intervencións doutros prestixiosos galardoados tamén pola Academia Sueca. O científico aproveitou a súa estancia en Santiago para visitar o Concello, onde foi recibido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que o convidou a asinar no Libro de Honra.
EIXO ATLÁNTICO
O Eixo Atlántico e o Consello da Xuventude de Galicia colaboran na promoción de actividades para os mozos e mozas de Galicia e norte de Portugal
O alcalde compostelán e presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a presidenta do Consello da Xuventude de Galicia (CXG), María Dolores Rodríguez Amoroso, asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal ámbalas entidades colaborarán na posta en marcha de diversas actividades para a xuventude dos concellos integrantes do Eixo.