XUNTA DE GOBERNO
O Consorcio destina 200.000 euros a subvencionar a recuperación de elementos de madeira nos inmobles da zona histórica
A Xunta de Goberno local aprobou as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións para os elementos especiais de madeira dos edificios e vivendas da cidade histórica. Estas axudas, concedidas polo Consorcio de Santiago, ascenden a un total de 200.000 euros.
CULTURA E EDUCACIÓN
Compostela contará cun espazo para os novos creadores
O novo Centro de Creación e Formación Cultural converterase no espazo no que os creadores que comezan poderán formarse e difundir a súa produción. O complexo ubicarase nun edificio anexo ao Colexio Santiago Apóstolo e estará listo nun prazo aproximado de oito meses.
CURTOCIRCUÍTO
Comeza o obradoiro "Non te curtes", de CurtoCircuíto
O martes 17 comeza o Obradoiro Avid "Non te curtes", cuxo fin é ensinar tanto teórica como practicamente, a montaxe en edición dixital. Esta é unha das actividades que se levan a cabo con motivo do Festival Internacional de Curtametraxes CurtoCircuíto’06, que rematará o sábado 21 coa Gala de Entrega de Premios bautizada co nome de "Ponte de curto".
EDUCACIÓN
Concerto didáctico "O pequeno Wolfy" no Principal
Como cada curso escolar, o Departamento de Educación e Mocidade pon en marcha o programa de música para escolares de centros de ensino do concello de Santiago de Compostela. Este ano, ademais da oferta periódica de concertos didácticos da Banda Municipal de Música de Santiago e dos ciclos de concertos didácticos de música tradicional e de música clásica nos centros, ofértase "O Pequeno Wolfy", a cargo do cuarteto de corda Pizzicato. A cita é o martes 17, ás 10:30 horas, no Teatro Principal.