RÉXIME INTERIOR
Os novos rexistros de actividades e bens patrimoniais garantirá unha maior transparencia na acción dos servidores públicos
A concelleira de Réxime Interior e Reforma Administrativa, Rosa Fernández Somoza, presentou o acordo de creación dos rexistros de actividades e bens patrimoniais e os correspondentes modelos de declaración. Segundo indicou, estes rexistros, que se publicarán na páxina web municipal, "reforzarán o papel independente e imparcial dos servidores públicos e atenden á demanda social de maior transparencia". A aprobación destes rexistros debaterase no Pleno municipal do 28 de febreiro.
TURISMO
Quince mil persoas visitaron o Fórum Gastronómico Santiago’08
Preto de 15.000 persoas visitaron o Fórum Gastronómico Santiago’08, celebrado no Palacio de Congresos. Dende o día da inauguración, o 16 de febreiro, ata a súa clausura, o 20, o fluxo de visitantes foi continuo e as diferentes salas que acolleron obradoiros e catas guiadas rexistraron un cheo absoluto en todas as sesións. Da cifra total, uns 7.000 estiveron no Fórum na fin de semana, nos dous días abertos ao público en xeral.
EDUCACIÓN E MOBILIDADE
Tempo para aprender normas viarias no Parque Infantil de Tráfico
Un grupo de 90 alumnos do CEIP López Ferreiro foron os primeiros en participar nunha nova edición do Parque Infantil de Tráfico, inaugurado no Parque Municipal de Amio. Ata o 10 de abril, escolares de 5º e 6º de primaria dos centros de ensino da cidade participarán nesta actividade, coa que adquirirán hábitos de seguridade viaria e actitudes cívicas.
ALCALDÍA
Visita do embaixador de Croacia
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi ao embaixador de Croacia en Madrid, Filip Vucak.
DEPORTES
Os mellores atletas galegos de cross competirán no Monte do Gozo
O domingo 24 de febreiro, un circuíto no Monte do Gozo acollerá o I Cross de Galicia. Alí daranse cita os mellores atletas galegos da especialidade.