XUNTA DE GOBERNO
Impulso ás infraestruturas deportivas de San Lázaro e Fontiñas
Coa adxudicación definitiva dos contratos de execución da primeira fase da área de deportiva de San Lázaro e das obras do pavillón de Fontiñas, a Xunta de Goberno deu un impulso definitivo a estas dúas infraestruturas deportivas. O Goberno local aprobou tamén a revisión de prezos do servizo de limpeza e obras de reposición do pavimento en varias rúas da cidade histórica.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
"Flis-fli-ris-flás" anima aos máis pequenos a ler e a empregar o galego
"Flis-fli-ris-flás, Cóntallo en galego" é unha campaña de fomento da lingua galega e da lectura do ámbito familiar que está chegando á totalidade de rapaces de 1º e 2º de primaria de Galicia. Trátase dunha proposta que combina teatro, literatura e novas tecnoloxías, á vez que implica ás familias.
CONSORCIO
A Comisión Executiva do Consorcio aproba o proxecto de orzamentos do organismo
A Comisión Executiva do Consorcio, presidida polo Alcalde e presidente da entidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou o proxecto de orzamentos do organismo interadministrativo para o ano 2009. Este proxecto será sometido á consideración do Consello de Administración en vindeiras datas.
MULLER
Un alumno e 4º de secundaria do IES Rosalía de Castro gaña o VIII Concurso "Educando na Convivencia en igualdade"
A concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, presidiu o acto de entrega dos premios do concurso "Educando na convivencia en igualdade". Este certame ten como obxectivo achegar mensaxes de sensibilización ao ámbito educativo, porque do mesmo debe partir unha auténtica política de prevención e de educación en valores e na igualdade. Presentáronse 49 traballos.
URBANISMO
As obras de urbanización do SUNP-12 de Lamas de Abade comezarán a principios de 2009
A concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, explicou os acordos do último Consello de Administración de EMUVISSA, celebrado na mañá do martes 25. No mesmo, entre outros acordos, adxudicáronse as obras de urbanización do SUNP-12 de Lamas de Abade.
MULLER
Condena enérxica tanto aos que exercen a violencia contra as mulleres como aos que a ignoran ou toleran
Como cada ano, o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, convértese nunha cita para expresar o rexeitamento á violencia contra as mulleres. Nesta ocasión, o pavillón do Restollal acolleu un acto institucional de sensibilización, no que o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, leu unha declaración institucional.
DEPORTES
A Fundación Compostela Deporte entrega as bolsas ás promesas do deporte compostelán
O alcalde e presidente da Fundación Compostela Deporte, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a Gala de Entrega das Bolsas para a formación e perfeccionamento das promesas do deporte compostelán, que teñen unha contía de 1.200 euros cada unha. Unha iniciativa coa que a entidade quere aportar unha axuda para cubrir o espazo baleiro entre a etapa da formación e a profesional.
TURISMO
Catas, menús e tapas en "Santiago Repetirás"
O sábado 29, o Hostal dos Reis Católicos acollerá a segunda das catas con maridaxe de produtos galegos dentro do programa de Santiago Repetirás. Neste caso cataranse viños da Denominación de Orixe Rías Baixas maridados con queixos da Denominación de Orixe Tetilla.
CULTURA
Máis de 20.000 persoas asistiron xa a Cineuropa 2008
O Festival Cineuropa 2008, organizado pola concellaría de Cultura, está a colleitar un grande éxito de público na presente edición. Se hai uns días falabamos da mellor marca de asistencia obtida polo filme Gomorra, agora chegan os primeiros datos parciais de espectadores. No que vai de Festival, acudiron xa ás distintas sedes coas que conta Cineuropa máis de 20.000 espectadores, o que supón un incremento de 5.000 asistentes en relación á edición de 2007 nesta altura.