EDUCACIÓN
Cita obrigada para nenos e nenas en Ferradura Aberta
Os máis novos poden xa participar nas actividades de Ferradura Aberta, que un ano máis botou a andar no Paseo da Ferradura, na Alameda compostelá. Ata o 28 de xullo, nenos e nenas de dous a catorce anos poden participar de balde e polas tardes, de luns a venres, na ampla oferta lúdica do programa, organizado polo departamento de Educación. Agárdase que preto de 700 rapaces pasen cada día pola Alameda.
EDUCACIÓN
Máis de 50 nenos e nenas están a participar cada día no Campamento Urbano
Ata o vindeiro 28 de xullo, os nenos e nenas de cinco a doce anos teñen unha cita no Campamento Urbano que se desenvolve no CEIP Fontiñas. Dende o seu comezo, o 10 de xullo, unha media de 50 rapaces veñen pasando por este espazo de lecer. Agárdase que a participación medre aínda máis nos vindeiros días.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
O Premio de Escaparatismo distingue a orixinalidade e a integración no entorno de tres comercios do casco histórico.
Un comercio téxtil de recente creación, Zürich-SCQ, situado no número 47 da Rúa do Vilar, foi o gañador do Premio de Escaparatismo SCQ Shopping da tempada de verán 2006. O xurado elixiu este escaparate entre os 47 participantes -17 máis que na campaña de primavera-, pola combinación harmónica da oferta de novas propostas estéticas dos seus produtos, así como pola súa organización do espazo e decoración interna.
CULTURA
Cantigas e Agarimos recupera as súas gravacións históricas
"Na Algalia de Arriba" é o título do disco que recupera as gravacións históricas do coro do coro da agrupación Cantigas e Agarimos. Este traballo de restauración, que se presenta en formato de CD Libro, recolle entre outros, a primeira gravación dun tema hoxe convertido en clásico, "A Virxe de Guadalupe. A Rianxeira". A discográfica Ouvirmos encargouse da dixitalización destas pezas, nun proxecto no que colaborou a Concellaría de Cultura.
CAPITALIDADE
O Consello da Capitalidade aproba unha asignación para Compostela de 2,5 millóns de euros en 2006
O Consello da Capitalidade aprobou o financiamento da capitalidade para o presente ano, que alcanza os 2.500.000 €. Esta cantidade ascenderá 3 millóns de euros en 2007. Na xuntanza tamén ser realizaron as previsións para o trienio 2007-09 e deuse conta da creación do Xulgado do Mercantil e do Rexistro Mercantil para a demarcación de Santiago de Compostela.