BENESTAR SOCIAL
Constituído o Consello Municipal das Persoas Maiores
As persoas maiores de Compostela teñen xa un órgano no que manifestar as súas inquedanzas e propostas para mellorar as políticas municipais que lles afectan. Trátase do Consello Municipal de Persoas maiores, unha entidade consultiva que quedou constituída o luns 26 de xuño no Pazo de Raxoi.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Técnicos do Concello explicarán o desenvolvemento das obras previstas na Praza de Abastos
A Concellaría de Promoción Económica e Mercados repartiu na Praza de Abastos 250 folletos cos que convoca a todos os comerciantes a unha reunión na que técnicos do Concello e responsables da remodelación do recinto explicarán as características do novo proxecto de execución, que ten un orzamento de 5,4 millóns de euros. A asemblea aberta terá lugar o luns 3 de xullo, ás 19:00 horas, no Auditorio de Galicia.
URBANISMO
Colócase a primeira pedra do novo polígono residencial de Cornes
Cornes contará en breve con 243 novas vivendas libres, tralo inicio das obras de urbanización do Polígono 1 do Sup-2. Os traballos teñen un prazo de execución de nove meses e medio e o orzamento é de 3.140.471 euros. A primeira pedra deste novo espazo foi colocada polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.
BENESTAR SOCIAL
O Concello colaborará con algo máis de 50.000 euros nos proxectos sociais de Proxecto Home e da Fundación Secretariado Xitano
O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou esta mañá dous convenios de colaboración con José Antonio Seoane Ares, presidente da Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia, e con Isidro-Juan Rodríguez Hernández, director da Fundación Secretariado Xitano. Grazas a estes acordos, ámbalas entidades recibirán 30.000 e 20.000 euros, respectivamente, para o desenvolvemento dalgúns dos seus programas sociais.
TRÁFICO
Unha campaña informativa informará aos distintos colectivos cidadáns sobre o novo permiso de conducir por puntos
O vindeiro 1 de xullo entra en vigor o novo permiso de conducir por puntos. Con este motivo, a Concellaría de Tráfico quere informar aos diversos colectivos cidadáns sobre o funcionamento deste carné a través dunha serie de charlas informativas.