PROMOCIÓN ECONÓMICA
O 21 de maio remata o prazo para inscribirse na edición de primavera do Concurso de Escaparatismo
O 21 de maio remata o pRazo para inscribirse na edición de primavera do Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping 2007. A Concellaría de Promoción Económica xa entregou as bases do certame aos aproximadamente 2.500 comercios que existen en Santiago. O concurso, que conta cun orzamento de 46.000 euros, consta de catro edicións anuais: primavera, verán, outono e Nadal.
EDUCACIÓN
A Escola Infantil do Polígono do Tambre estará rematada a principios de 2008
O Goberno local adxudicou á empresa OVIGA as obras da que será a cuarta escola infantil municipal de Compostela, no Polígono do Tambre. Este novo centro suporá un investimento de 517.420 euros e ten un prazo de execución de seis meses. Igualmente, adxudicouse a redacción do proxecto da quinta escola, en Tras Parlamento.
URBANISMO
O Concello asina un convenio para a obtención de solo no Campus Sur con destino ao Centro de Investigación Biomédica da USC
O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo e os propietarios Manuel Corzón Fajín (Promociones Manusán S.L) e Albino Munín (Construcciones La Rosaleda S.L) e José Pombo Seoane asinaron un convenio urbanístico para a obtención do sistema xeral de equipamento universitario EU-2. En virtude deste acordo, os propietarios ceden ao Concello tres parcelas, dun total de 10.846 metros cadrados, que posteriormente as cederá á Universidade.
EDUCACIÓN
Última fase do Programa de educación afectivo sexual para mozos e mozas de Compostela
O Colexio La Salle será o derradeiro en participar nesta edición do Programa de educación afectivo sexual para mozos e mozas de Santiago de Compostela. É o primeiro ano que este centro se incorpora ao programa. O calendario para os alumnos de 3º de ESO inclúe actividades os días 14, 15, 21 e 23 de maio.
EDUCACIÓN
Os escolares composteláns amosan as súas habilidades na danza
A sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acolle o sábado 12 de maio, a partir das 19:00 horas, o certame "Compostela en danza". Será a oportunidade para ver as evolucións de alumnos de infantil, primaria e secundaria no ámbito da danza.
SANIDADE
Compostela, sede do VI Congreso Nacional de Lupus
O Auditorio de Galicia acolle os días 11 e 12 de maio o VI Congreso Nacional de Lupus, organizado pola Federación Española de Lupus (Felupus) e pola Asociación Galega de Lupus (AGAL).
BENESTAR SOCIAL
Aspas comeza a usar os pisos cedidos polo Concello para o programa de vida independente
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou, xunto coa concelleira de Benestar Social, UMAD e Muller, Adelaida Negreira, os dous pisos que o Concello de Santiago cede a Aspas (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual) para a posta en marcha do proxecto de vida independente.
EDUCACIÓN
Un total de 180 rapaces de 6 a 15 anos participará na Escola de Verán de Inglés
A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou unha nova edición da Escola Municipal de Verán de Inglés, denominada English School "Good morning, kids". Preto de 180 rapaces de 6 a 15 anos participarán nesta iniciativa, grazas á cal poderán aprender inglés sen necesidade de saír ao extranxeiro.
ALCALDÍA
Un atleta de 68 anos percorre o Camiño de Santiago en seis días e dezaseis horas
Alfredo Uría Rodríguez, un atleta de 68 anos especialista en carreiras de gran resistencia, bateu a mellor marca do Camiño de Santiago, ao percorrer o traxecto dende Roncesvalles en seis días e dezaseis horas. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi e recoñeceu esta particular fazaña.
CULTURA
A Biblioteca Compostela de Narrativa Europea presenta as súas dúas últimas obras: "Fuxir" e "Non me deixes nunca"
O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou as dúas últimas obras publicadas da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, unha iniciativa do departamento municipal coa editorial Galaxia. No acto tamén estiveron presentes o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, e o director literario da mesma, Carlos Lema.