CULTURA
O Teatro Principal acolle unha homenaxe aos presos na illa de San Simón
"Cando Santiago era unha illa. Memoria dos presos de San Simón" é o nome que recibe a homenaxe que o martes 23 de maio se lle fará no Teatro Principal aos que estiveron apresados na illa de San Simón. A homenaxe, que comezará ás 21.00 horas, enmárcase dentro dos actos polo Ano da memoria que está a organizar a Consellería de Cultura en diferentes cidades e vilas do país e chega a Compostela da man da Asociación Cultural O Galo e coa colaboración da Concellaría de Cultura da cidade.
ALCALDÍA
Impulso a Santiago como capital de Galicia
A Xunta de Galicia consolidará o papel de Santiago como capital de Galicia e sede das institución autonómicas. Ese é o compromiso que expresou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na súa primeira visita institucional ao Concello de Santiago. Este carácter de capitalidade recollerase no novo Estatuto e promoverase co impulso do Consello da Capitalidade e do Consorcio de Santiago.
DESPEDIDA
Dositeo Rodríguez presentou a súa renuncia como concelleiro
O actual voceiro do Grupo Municipal Popular, Dositeo Rodríguez, presentou a súa renuncia como concelleiro en Santiago, feito que se formalizará no vindeiro pleno ordinario que a Corporación celebra o mércores 24 de maio.