CULTURA
"Implícate": unha chamada á solidariedade e á reflexión
Co obxectivo de facer unha chamada á solidariedade e á reflexión, o Auditorio de Galicia acolle por segundo ano o evento "Implícate! Noite de música e palabra solidaria", organizada pola ONG Implicadas no Desenvolvemento (IND). Un bo número de artistas galegos de diversas disciplina colaborarán desinteresadamente neste espectáculo, cuxa recadación será destinada a financiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento. A cita é o sábado 16 ás 20:00 horas.
URBANISMO
A revisión do Plan xeral de ordenación municipal xa pode ser consultada nesta web
O documento revisado de aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) xa pode ser consultado na páxina web do Concello de Santiago. Un enlace no portal municipal leva directamente aos contidos do Plan, unha vez integradas as alegacións aprobadas. O documento revisado foi aprobado polo Pleno municipal o día 26 de outubro de 2006 e remitiuse á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para a súa aprobación definitiva.
EDUCACIÓN
Marián Araujo, Panxea e a Asociación de Celíacos de Galicia gañan os Premios Vagalume 2006
A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, anunciou o nome dos gañadores dos Premios Vagalume 2006. Nesta XIV edición os galardoados foron Marián Araujo Muíños, a Asociación para o Comercio Xusto e Solidario Panxea e a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA). Este programa recoñece o traballo realizado na cidade cunha clara vocación social e pretende estimular a cooperación, a solidariedade e a igualdade entre os composteláns.
CULTURA
Hector Alterio volve ao Principal con "El Túnel"
O actor arxentino Héctor Alterio volve a Compostela para representar "El Túnel", de Ernesto Sábato. As dúas funcións, o mércores 13 e o xoves 14, ás 21:00 horas, pechan Teatro en Xira 2006.
FUNDACIÓN GRANELL
III Certame de arte escolar Eugenio Granell
O museo Eugenio Granell, coa colaboración do Centro Comercial Área Central, convoca o III Certame de arte escolar Eugenio Granell. Esta iniciativa pretende impulsar a creación plástica entre os escolares, polo que, ademais dos premios que conceda o xurado, o Museo organiza unha exposición coas obras presentadas ao concurso do 14 de decembro ata o 14 de xaneiro de 2007.
TURISMO
Santiago de Compostela presenta a súa oferta de congresos en Madrid
Baixo o lema de ‘Santiago lo reúne todo’, a capital galega presenta en Madrid o abano de recursos patrimoniais, turísticos e técnicos, que a converten en sede ideal para a celebración de congresos, convencións e viaxes de incentivo.