DEPORTES
Inaugurada a nova pista municipal de chave
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a pista municipal de chave, ubicada na Corredoira do Espiño, á beira da pista polideportiva de Galeras. A nova instalación serviu xa na fin de semana para celebración dun torneo organizado pola Asociación de Xogadores de Chave de Santiago.
CASCO HISTÓRICO
O Casco Histórico contará cunha rede Wimax para finais de 2007
Así o anunciaron en rolda de prensa os concelleiros de Turismo e Casco Histórico, Francisco Candela e Mercedes Rosón, que estiveron acompañados por Manuel Balseiro, xerente de Coremain, empresa que está a desenvolver o proxecto. A rede Wimax permitirá o desenvolvemento de servizos como a teleasistencia ou a telemedicina e será de grande utilidade para os comerciantes, turistas e habitantes composteláns.
CULTURA
Concerto especial da Banda Municipal de Música
O III Curso de Interpretación Musical pecharase o domingo 17 cun concerto especial da Banda Municipal de Música, que contará como director convidado con Roberto Forés Asensi. Será ás 12:00 horas no Teatro Principal.
TRANSPORTES
Un novo chasis para autobuses estará exposto na Praza do Obradoiro
O luns 18 de decembro, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentará un novo chasis, que nos vindeiros meses se convertirá nun dos autobuses a incorporar á flota de transporte urbano da cidade.
ALCALDÍA
Sánchez Bugallo considera "extremadamente importante e urxente" a posta en valor dos edificios xa existentes da Cidade da Cultura
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou como "extremadamente importante e urxente" a posta en valor dos edificios xa existentes da Cidade da Cultura. Por ese motivo, valorou o compromiso da Xunta, manifestado esta semana, de por en marcha os catro edificios actuais en 2009.
MEDIO AMBIENTE
A nova depuradora licitarase en 2007
O alcalde compostelán felicitouse polo compromiso manifestado polo Ministerio de Medio Ambiente para que o proxecto e a obra da nova depuradora sexa licitada en 2007. Este compromiso, ratificado ante o Congreso dos Deputados, contempla un prazo de execución de dous anos.
ORZAMENTOS
O orzamento municipal para o vindeiro ano ascenderá finalmente a 114 millóns de euros
Unha Xunta de Goberno extraordinaria aprobará o xoves 21 de decembro os orzamentos municipais de 2007, que finalmente ascenderán a 114 millóns de euros, tras incluírse nos mesmos os ingresos de seis millóns de euros da operación do Sunp-4 do Camiño Francés. Así o anunciou o alcalde compostelán, que recordou que os presupostos irán ao Pleno do xoves 28.
EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN
Os nenos e nenas dos colexios composteláns celebrarán o Día das Migracións
Con motivo da celebración do Día Internacional das Migracións, o luns día 18, a Concellaría de Emigración e Inmigración organiza unha marcha na que participarán nenos e nenas de 13 colexios composteláns e que estará encabeza por rapaces dos distintos continentes que viven en Santiago.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Convenio para o aproveitamento da enerxía solar no CERSIA
O director do Instituto Enerxético de Galicia, Xoán Ramón Doldán García, e o Concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, asinaron o convenio de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de integración e aproveitamento da enerxía solar no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apio á Empresa (CERSIA).
URBANISMO
Os orzamentos de EMUVISSA para 2007 contemplan as novas obras de urbanización en cinco polígonos de vivenda protexida
A Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA) aprobou o seu orzamento para 2007, que ascende a 59.868 euros, o que supón un incremento dun 2,58% respecto ao ano anterior. Dentro destas contas contémplanse as obras de urbanización a comezar nos polígonos de vivenda protexida Sunp-11 (Castiñeiriño), Sunp-12 (Lamas de Abade), Sunp-14 (Tras Paxonal), Sup-7 (Ponte Pedriña) e Sunp-5 (A Muíña).