PLENO MUNICIPAL
O Concello de Santiago solicita o indulto para os tres veciños do Eixo
O Pleno Municipal, en sesión extraordinaria, aprobou por unanimidade a declaración institucional pola que se solicita o indulto para Jesús Montoiro, José Moreira e Simón Márquez. Estes tres veciños do barrio do Eixo foran condenados a sete anos de cárcere cada un e a unha indemnización conxunta de 156.620 euros, polas lesións a un policía nacional durante unha manifestación en xullo de 1998.
URBANISMO
Aprobado o proxecto de urbanización das Cancelas
A Xunta de Goberno local aprobou inicialmente o proxecto de urbanización do solo SUNP-4, Camiño Francés-As Cancelas, onde se construirá unha gran superficie comercial, ademais de vivendas. O proxecto será agora sometido a exposición pública e, concluído o proceso de alegacións, será sometido á aprobación definitiva. Deste xeito, as obras poderían comezar no último trimestre deste ano e estar rematadas a finais de 2008.
CULTURA
Compromiso co traxe galego
A Concellaría de Cultura vén de renovar o seu compromiso coa Asociación do Traxe Galego, grazas a un convenio polo que recibirá 4.000 euros para financiar as súas actividades. Aséntase así a colaboración cunha entidade que realiza un labor entusiasta en prol da recuperación e promoción do traxe tradicional galego. O acordo foi asinado polo responsable de Cultura, Néstor Rego, e pola presidenta da Asociación, Pilar Domínguez.