TRANSPORTES
Máis frecuencias para as conexións entre a cidade e Lavacolla
Os veciños de Lavacolla poderán beneficiarse de mellores tarifas no transporte grazas ao protocolo asinado polo Concello e a empresa Freire, segundo anunciou o concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga. A Xunta de Goberno aprobou un acordo que permitirá á súa vez o incremento das frecuencias entre a cidade e o aeroporto compostelán, que pasarán agora a 26 en cada sentido de luns a venres e a 11 os domingos e festivos. Ademais, existe o compromiso de seguir incrementando estas frecuencias segundo a demanda.
LIMPEZA
O servizo de recollida do lixo na zona monumental prolóngase aos domingos e festivos de xaneiro e febreiro
A Xunta de Goberno local aprobou a ampliación do servizo de recollida do lixo na zona monumental durante os domingos e festivos dos meses de xaneiro e febreiro de 2007.
URBANISMO
Aprobado o proxecto de urbanización da rúa de Betanzos
O Concello actuará sobre 3.363 metros cadrados para urbanizar a rúa de Betanzos (Almáciga), nos que se investirán 211.161 euros. Esta actuación incidirá sobre o vieiro e as beirarrúas e permitirá dotar a esta zona de nova iluminación e diverso equipamento complementario.
BENESTAR SOCIAL
Benestar Social dedicará máis de 300.000 euros ao Programa de Axuda no Fogar
O Goberno local aprobou a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para o desenvolvemento do Programa de Axuda no Fogar, por un importe de 42.075 euros. Esta iniciativa vai supor un investimento total de 319.477 euros para o ano 2007 e é un dos proxectos máis cobizosos da Concellaría de Benestar Social.
EDUCACIÓN
Espectáculo de música e danza a cargo de persoas con necesidades educativas especiais
O xoves 4 de xaneiro, ás 19:30 horas, o Teatro Principal será escenario duna particular e integradora iniciativa. A Fundación Igual Arte, que traballa con persoas con necesidades educativas especiais, no campo da educación musical, expresión corporal e artes plásticas, trae a Santiago a obra "Axóuxere de cores".
DEPORTES E EDUCACIÓN
Máis actividades e diversión nunha nova edición de "Nadalxogo"
Nadalxogo volve a ser o espazo lúdico por excelencia destas festas en Compostela. O Multiúsos Fontes do Sar acollerá entre o 27 de decembro e o 4 de xaneiro as actividades, obradoiros e propostas para que o público infantil e xuvenil atope de novo un motivo para compartir.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
O novo Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche dinamizará o barrio máis populoso da cidade
Coa asistencia do presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o Director Xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, sito na rúa Frei Rosendo Salvado.
ALCALDÍA
José María Fenollera terá unha rúa en Compostela
O alcalde compostelán presidiu o acto de homenaxe ao pintor e intelectual José María Fenollera. Xosé A. Sánchez Bugallo, descubriu unha placa no seu recordo na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), na rúa do Vilar, onde tivera a súa casa durante a súa estancia en Santiago. Ademais, anunciou que o pintor contará cunha rúa en Compostela.
SOLIDARIEDADE
Marián Araujo, Panxea e a Asociación de Celíacos de Galicia recolleron os Premios Vagalume 2006 polo seu labor social
Os gañadores da edición 2006 dos Premios Vagalume recolleron os seus galardóns nun acto celebrado no Pazo de Raxoi e presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Marián Araujo Muíños, a Asociación para o Comercio Xusto e Solidario Panxea e a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) viron así recoñecido o seu labor social na cidade.