EDUCACIÓN
O CEE de Xordos amosa o seu traballo
O alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos López, ademais doutros membros da corporación local, achegáronse o mércores 14 de xuño ás instalacións do centro CEE de Xordos para coñecer o traballo diario que desenvolve este centro educativo e compartir xantar cunha representación da comunidade escolar.
VIVENDA
Ábrese o prazo para solicitar as vivendas de aluguer de Belvís
Ata o vindeiro venres 29 de xuño permanecerá aberto o prazo para solicitar unha das 70 vivendas de promoción pública de Belvís. Os pisos serán adxudicados en réxime de aluguer sen opción a compra por un prazo máximo de dez anos. Para poder optar a estas vivendas, os interesados deben ter entre 18 e 35 anos, residir ou traballar e Santiago dende alomenos dous anos, e ter uns ingresos por unidade familiar ou convivencial etre 479,10 euros e 1.676,85 euros brutos ao mes.
ALCALDÍA
Os alcaldes galegos debatiron en Santiago sobre o Pacto Local
O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a Xornada informativa sobre o Pacto Local, organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) no Hotel San Francisco. O evento, ao que asistiron máis de 150 alcaldes galegos, tiña coma obxectivo informar aos mesmos sobre o desenvolvemento do pacto e o funcionamento e obxectivos das súas distintas comisións.
MEDIO AMBIENTE
Si quero…reciclar
Concienciar aos máis novos para que participen na recollida selectiva do lixo é o obxectivo da campaña "Si quero. Reciclar querendo", promovida pola Concellaría de Medio Ambiente en colaboración con Urbaser. A iniciativa desenvolverase dende o venres 16 en catro puntos da cidade e incluirá representacións teatrais na rúas, obradoiros e a difusión dunha serie de mensaxes dirixidas a nenos e nenas.
BENESTAR SOCIAL
O Concello colaborará nas actividades de Down Compostela e da Asociación Compostelá de Esclerose múltiple
A Asociación Síndrome de Down de Compostela (Down Compostela) e a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) recibirán do Concello de Santiago unha achega respectiva de 1.500 euros para o desenvolvemento das súas actividades sociais. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou cos presidentes destas dúas asociacións, Juan Jesús Martínez e Carmen Vázquez Vaamonde, o convenio que establece a colaboración coas mesmas e o programa de actuacións ao que afecta.
CULTURA
As irmás Labèque clausuran a temporada da Filharmonía no Auditorio
As pianistas Katia e Marielle Labèque pechan a temporada da Real Filharmonía de Galicia, dirixida esta vez por Josep Pons. O "Concerto para dous pianos, percusión e orquestra", de Béla Bartók, xunto á "Sinfonía núm. 2 de Robert Schumann", conforman o programa do xoves 15 de xuño, ás 21.00 horas.
URBANISMO
Vía libre á conexión urbana e estética de Conxo co Ensanche
O Ensanche quedará conectado urbanística e esteticamente cos novos polígonos do sur grazas ás actuacións que se realizarán no solo SUP-1 de Romero Donallo. Unhas 200 vivendas, amplas dotacións de servizos, zonas verdes e deportivas, unha gran praza, un novo vieiro e un importante lavado de cara son algunhas das señas de identidade deste novo espazo.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Suso de Toro abre a Semana Cultural do Castiñeiriño
O Centro Sociocultural do Castiñeiriño acolle esta semana un atractivo programa de actos, cos que celebra a súa II Semana Cultural. A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, presentou o calendario de actividades, que inclúe exposicións, charlas, cine, xogos e actuacións musicais.
EDUCACIÓN
O Museo Nacional de Dinamarca exhibe as súas coleccións etnográficas en San Martiño Pinario
O Departamento de Educación e Mocidade colabora coa Fundación "la Caixa" e coa Consellería de Innovación e Industria na realización da exposición sobre "Culturas do Mundo. Coleccións do Museo de Dinamarca", que permanecerá en San Martiño Pinario entre o 14 de xuño e o 27 de agosto.
DEPORTES
Un día de deporte para todos
Varias instalacións deportivas da cidade acollerán ao longo de hoxe sábado as actividades do Día do Deporte en Compostela, co que se pechan os diferentes programas e campañas desenvolvidos ao longo do curso. Uns 2.000 mozos están chamados a participar nesta xornada, chea de eventos de balde en case tódalas disciplinas deportivas e que organiza a Concellaría de Deportes en colaboración con diversos clubes.