MULLER
A Concellaría da Muller apela á sensibilización dos homes contra a violencia de xénero
Os actos programados pola Concellaría de Benestar Social e Muller con motivo da celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, teñen este ano aos homes como principais destinatarios. Así, o destacou a concelleira Mar Martín, ao sinalar que "o problema está nos homes que exercen a violencia, pero tamén naqueles que non se sublevan contra ela".
COMERCIO
Últimas semanas para participar na edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo
O 14 de decembro remata o prazo para inscribirse na Edición de Nadal do IV Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping 2007. As bases e o formulario de inscrición para participar xa están a disposición dos comerciantes na páxina web www.maiscompostela.org da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, organizadora do certame. A información sobre o Concurso de Escaparatismo, que conta cun orzamento de 46.000 euros, xa foi remitida aos aproximadamente 2.500 comercios que existen en Santiago.
CULTURA
José Luis Guerín: homenaxe en Cineuropa a un cineasta diferente
Cineuropa entrega o segundo dos seus premios desta edición a un cineasta cunha traxectoria curta como director, pero moi particular e apreciada pola crítica e por algúns sectores do público. Vello coñecido do festival compostelán, José Luis Guerín trae da man a súa nova película, En la ciudad de Sylvia, que se proxectou na gala de entrega do premio.
ALCALDÍA
O Museo do Pobo Galego, proposto para recibir a Medalla de Ouro da Cidade
Os representantes do Consello Asesor de Condecoracións, tras reunirse na Casa do Concello, acordaron por unanimidade propoñer a concesión ao Museo do Pobo Galego da Medalla de Ouro da Cidade, proposta que se levará á aprobación do pleno municipal deste mes de novembro.
EDUCACIÓN E MEDIO AMBIENTE
O Concello promove un curso máis a sensibilización medioambiental entre os máis novos
Por sexto curso consecutivo, as concellarías de Educación e de Medio Ambiente, coa colaboración de ADEGA, poñen en marcha a Campaña de Educación Ambiental. O seu obxectivo é promover a sensibilidade da poboación escolar ante os problemas medio ambientais.
EDUCACIÓN
Aberto o prazo para a presentación de candidaturas aos Premios Vagalume
A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou a convocatoria da XV edición dos Premios Vagalume, que conta cun orzamento de 3.757 euros. Estes galardóns recoñecen o traballo de colectivos ou de persoas individuais que desenvolven as súas actividades cunha clara vocación social no municipio de Santiago.
DEPORTES
Corenta deportistas de doce modalidades deportivas optan ás Bolsas 2007 da Fundación Compostela Deporte
Un total de 40 deportistas composteláns de doce modalidades deportivas optan ás Bolsas 2007 que outorga a Fundación Compostela Deporte. O triatleta galego Iván Raña será o padriño dos bolseiros desta terceira edición.
ALCALDÍA
As cidades atlánticas porán en marcha unha axenda territorial para corrixir os desequilibrios poboacionais
Xosé A. Sánchez Bugallo, en calidade de Presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), participou en Xixón na Asemblea Xeral da Comisión Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM), onde defendeu o papel das cidades como instrumentos de cohesión a nivel europeo e anunciou que Santiago presidirá un proxecto político para reducir os desequilibrios territoriais do Arco Atlántico e reforzar a súa identidade.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Promoción Económica atendeu 600 consultas durante o Foro do Emprego
O persoal da oficina de Promoción Económica e Emprego atendeu, durante a celebración do I Foro de Emprego da USC, 600 consultas, ás que se lle repartiu un formulario para que se inscribisen na Bolsa de Emprego coa que conta a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. 98 persoas entregaron o formulario cuberto.
EDUCACIÓN E BENESTAR SOCIAL
O Concello compromete aos escolares na integración da poboación inmigrante
Dúas novas campañas educativas permitirán a alumnos de primaria e de secundaria traballar sobre os estereotipos que rodean á poboación inmigrante e contribuír así á súa integración. "En cada rostro igualdade" e "Xunt@s" son os títulos destas dúas iniciativas, promovidas polas concellarías de Educación e de Benestar Social e polo Foro de Inmigración.