MERCADOS
Cen postos, talleres e actividades lúdicas para todos na Feira de Artesanía
Do 9 ao 12 de abril, o paseo central da Alameda acollerá a Feira de Artesanía. O evento, que se desenvolverá en horario de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas, contará con 100 expositores e con talleres, mostras, animación musical e un recuncho infantil.
EDUCACIÓN
O mexicano Felipe Ugalde gaña o II Premio Compostela cun álbum de gran riqueza estética e literaria
O ilustrador mexicano Felipe Ugalde proclamouse gañador da segunda edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, cunha obra da que o xurado destacou a súa gran riqueza técnica, estética e literaria. Por este proxecto, presentado co lema Sueños de grandeza, o autor recibirá 12.000 euros e o libro publicarase a finais de 2009 nas cinco linguas peninsulares.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Un obradoiro formará ao cidadán como espectador teatral
Presentouse en Raxoi o Obradoiro do espectador, unha iniciativa para a formación de público activo no eido teatral. Esta actividade está promovida polo Grupo Chévere, compañía residente na Sala Nasa, e conta co apoio da Concellaría de Cultura e da Rede Municipal de Centros Socioculturais.
ALCALDÍA
O alcalde viaxa a Poitiers para presidir o Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico
O alcalde compostelán viaxou á cidade francesa de Poitiers para presidir o Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico. No encontro debateranse as contribucións dos territorios atlánticos ao escenario da crise e presentaranse as achegas da CCAA ao Libro Verde sobre as Redes de Transporte Transeuropeas.
XUVENTUDE
A segunda edición do "MúsicaXove" reunirá a unha ducia de grupos nas categorías de metal, hip hop, pop-rock e autor-folk
O II Certame MúsicaXove’09, organizado pola Concellaría de Xuventude, xa ten seleccionados aos seus participantes, un total de 12 grupos elixidos entre as 25 propostas iniciais que competirán en catro modalidades diferentes os días 16, 23 e 30 de abril na Sala Capitol.