MEDIO AMBIENTE
O Concello subvencionará os gastos de limpeza e talas para previr incendios
O Concello convocará axudas para a prevención de incendios forestais no ano 2008. Así, subvencionaranse os gastos derivados da execución de rozas ou talas de especies arbóreas. Para este fin destinaranse 15.000 euros.
EDUCACIÓN
Ábrense os prazos para a admisión nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas
O Goberno local aprobou a apertura de prazos de presentación de solicitudes de ingreso e o procedemento de admisión nas escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas. O 15 de marzo remata a reserva de prazas do alumnado actual.
URBANISMO
Actualización de prezos de vivendas nunha zona residencial do Paxonal
A Xunta de Goberno aprobou a actualización do prezo máximo de venda das futuras vivendas a executar nos solares pendentes de edificar nunha zona residencial do SUNP-17 do Paxonal, provenientes de uso de apartahoteis.
CONSORCIO
Iníciase o procedemento complementario de expropiación para a rehabilitación da Casa do Cabildo
O Goberno local acordou iniciar, en beneficio do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, o procedemento de expropiación, por taxación conxunta, para extinguir os dereitos existentes no inmoble Casa do Cabildo. Rematado este proceso, o Consorcio poderá iniciar as obras de rehabilitación deste inmoble, situado nos números 5 e 6 da praza de Praterías e no número 1 da rúa da Raíña.
MOBILIDADE E INFRAESTRUTURAS
Ábrese aos peóns a rúa de Domingo García-Sabell
A rúa de Domingo García-Sabell Rivas quedará aberta ao tráfico peonil dende Galeras ata o cruce dar rúa de Carretas-Entrerríos. Esta apertura mellorará a accesibilidade para os usuarios do Centro Municipal de Servizos Socias e para os cidadáns en xeral que viñan utilizando con anterioridade esta vía, na que as antigas escaleiras foron substituídas por amplas beirarrúas sen barreiras arquitectónicas.
COMERCIO
O comercio compostelán volve a ser protagonista no mes de marzo
O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou Marzo, mes do comercio. O conxunto de actividades que se presentan baixo este lema ten un dobre obxectivo: dinamizar o sector comercial e darlle ao comercio o protagonismo que lle corresponde na vida económica e social de Compostela.
ALCALDÍA
Silencio e aplausos no Obradoiro para lembrar a Isaías Carrasco
A praza do Obradoiro acolleu unha concentración silenciosa en lembranza do ex concelleiro socialista Isaías Carrasco, asasinado por ETA o venres 7 de marzo. A Corporación Municipal encabezou esta concentración, á que se uniron algúns cidadáns anónimos.
AUDITORIO
O Auditorio de Galicia acolle a estrea mundial de "Enigmas da temporalidade", do compositor galego Juan Vara
Seguindo o costume de estrear cada temporada de abono pezas de compositores actuais galegos, o xoves 13 de marzo, a Real Filharmonía inclúe a obra Enigmas da temporalidade (sobre un poema de Eloy Sánchez Rosillo), do coruñés Juan Vara. A peza volverá soar ao día seguinte no Auditorio de El Escorial, onde a Real Filharmonía inaugurará o Ciclo de Música Religiosa.