INFRAESTRUTURAS
Adxudicadas as obras de urbanización da rúa Berlín, en Fontiñas
A Xunta de Goberno adxudicou as obras de urbanización da rúa Berlín, en Fontiñas, por un importe de 1.599.630 euros e un prazo de execución de tres meses. As obras afectarán aos vieiros, ás beirarrúas e mesmo ao mobiliario. A principal novidade será a creación dun carril para bicicletas.
BENESTAR SOCIAL
Visto bo á cesión gratuíta da parcela para a construción da nova residencia para terceira idade en Pontepedriña
O Goberno local adoptou o acordo de cesión polo que se cede unha parcela de 4.650 metros cadrados para a construción dunha nova residencia da terceira idade en Pontepedriña. Esta superficie pasará á titularidade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que a porá a disposición da Fundación José Otero-Carmela Martínez para a edificación do centro.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
O obradoiro de emprego "Compostela Natural" recibe unha subvención de 1,17 millóns de euros
Na Xunta de Goberno celebrada o 6 de agosto, deuse conta da concesión dunha subvención de 1.177.070 euros para a realización do proxecto do obradoiro de emprego "Compostela Natural". Este proxecto inclúe dúas actuacións: a recuperación ambiental e do cauce das ribeiras do río Sarela e a construción do albergue de cabalos "Monte do Gozo".
BENESTAR SOCIAL
Comeza a redacción do I Plan Municipal de Servizos Sociais para o período 2007-2011
O Goberno local adxudicou á empresa Cidadanía a redacción do I Plan Municipal de Servizos Sociais para o período 2007-2011. Nesta redacción investiranse 66.750 euros, que servirán para trazar os escenarios futuros e mellorar a atención á cidadanía nesta materia.
DEPORTES
Máis dun millón de euros para o novo campo de fútbol de San Lázaro
Nun prazo duns 10 meses estará lista a nova área deportiva de San Lázaro na súa fase primeira, na que se investirán 1.121.821 euros. O Goberno local adxudicou estas obras, que dotarán ao barrio dun novo campo de fútbol, provisto de gradas, vestiarios, un aparcadoiro de 69 prazas e unha pequena dársena de autobuses.
CULTURA
Máis de 50.000 persoas gozaron co Festiclown
O Festiclown chegou ao seu fin, un ano máis, logo de facer as delicias de cidadáns e visitantes ao longo de cinco días de risa, humor e solidariedade. Máis de 50.000 persoas gozaron dos espectáculos de exterior e de interior, das 120 actuacións, dos 13 cursos de formación e das 45 compañías que se deron cita nesta edición do Festiclown.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Remata o prazo para cubrir a enquisa de formación para persoas emprendedoras
O venres 10 de agosto remata o prazo para que as persoas emprendedoras poidan cubrir a enquisa que deseñou a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo co obxectivo de ofertar os cursos e os horarios máis demandados. A enquisa pode cubrirse na web da Concellaría, www.maiscompostela.org, no microsite dedicado ao programa de fomento da cultura emprendedora Compostela Activa.
ALCALDÍA
O artista Manuel Bonome cede algunha das súas obras ao Concello
O artista compostelán, Manuel Bonome Abeledo, foi recibido en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. No encontro falaron da cesión dalgunhas das súas obras que o artista fará ao Concello.
ALCALDÍA
O alcalde pon ao día ao novo ministro de Cultura sobre os proxectos da cidade
O ministro de Cultura, César Antonio Molina, mantivo un encontro informal co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que o puxo ao día sobre os proxectos da cidade xa encamiñados, algúns dos cales albergarán diferentes propostas culturais. Este é o caso do Museo de Santiago e das Peregrinacións e a Biblioteca Municipal de Xoán XXIII, que o alcalde espera ver inaugurada "antes de finais de ano".
CONSORCIO
O Consorcio publica os 50 anos de historia de "Música en Compostela"
Cando se cumpre o 50º aniversario dos cursos "Música en Compostela", considerados como os máis antigos de España, o Consorcio de Santiago reedita os dous primeiros volumes publicados respectivamente en 1994 e 1995 e presenta o terceiro tomo que comprende os anos que van dende 1995 ao 2007.