MULLER
Nova convocatoria de subvencións para o movemento asociativo e de defensa da muller
Veñen de aprobarse as bases e o orzamento, por un importe de 25.000 euros, da convocatoria de subvencións ao fomento do movemento asociativo e de defensa da muller para 2007. O prazo de solicitude será de 20 días a partir da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
URBANISMO
Iníciase o procedemento de expropiación da Muíña
Co visto bo do Goberno local, iníciase o procedemento de expropiación do solo urbanizable non programado número 5 (SUNP-5) da Muíña. Tramitarase polo sistema de taxación conxunta, segundo o proxecto presentado pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa), e suporá un gasto de máis de oito millóns de euros.
EDUCACIÓN
Do 10 ao 30 de abril estará aberto o prazo de solicitude de ingreso nas escolas infantís de Conxo e de Fontiñas
A Xunta de Goberno local aprobou a apertura dos prazos de solicitude de ingreso nas escolas infantís municipais de Conxo e de Fontiñas. Será do 10 ao 30 de abril, unha vez rematado o prazo de admisión de solicitudes de renovación.
PARQUES E XARDÍNS
A Praza da Muíña contará con novas áreas deportivas e de xogo
A Concellería de Parques e Xardíns acometerá obras de acondicionamento na Praza da Muíña (San Lázaro), co fin de dotalas de novas áreas de lecer. Investiranse 150.835 euros nunhas obras que abranguen un ámbito de actuación de 2.000 metros cadrados.
DEPORTES
Convenios de colaboración con varios clubs deportivos da cidade
A Concellería de Deportes continúa a súa liña de colaboración cos clubs deportivos da cidade. Nesta liña está a sinatura de varios convenios de colaboración, aprobados pola Xunta de Goberno, para promover as distintas disciplinas deportivas.
FESTAS
O Concello establece nun mínimo de 108.000 euros a xestión do uso dos espazos da Alameda na Ascensión e no Apóstolo
A Concellería de Festas fixou nun mínimo de 108.000 euros a cantidade que deberá satisfacer aquela empresa que se queira facer cargo da explotación das atraccións e demais postos feirais durante a Ascensión e o Apóstolo.
CONSORCIO
A "Grande misa" de Stravinsky abre en San Martiño Pinario o Festival de Músicas Contemplativas
Comeza o Festival de Músicas Contemplativas e faio con concerto de Gabriel Consort & Players na Igrexa de San Martiño Pinario. Interpretarán a "Grande Misa", de Stravinsky, e pezas de Monteverdi a partir das 22:30 horas do martes 3.