ALCALDÍA
Compostela fai a súa achega ao novo Estatuto
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, compareceu na Comisión para a Reforma do Estatuto, onde demandou que o novo texto recoñeza plenamente a Santiago como capital de Galicia. Ademais desta proposta, reclamou "fórmulas" que garantan a equidade na prestación de servizos nas sete grandes cidades e unha defensa "clara e nítida" da lingua galega.
DEPORTES
Un gol para un premio
A fotografía "Gol", de Antonio Hernández Ríos, foi a gañadora do IX Concurso de Fotografía Deportiva, organizado pola Concellaría de Deportes. Un total de 42 instantáneas presentáronse a este certame, que premia as mellores fotografías con temas deportivos ou relacionados con calquera faceta ou práctica deportiva.
EDUCACIÓN
Inglés no verán sen saír a fóra
Ata 100 rapaces e rapazas de seis a doce anos poderán participar na English Summer School "Good morning, kids", a proposta da Escola Municipal de Verán de Inglés. "É unha proposta de interese para as familias que queiran aproveitar o verán para que os seus fillos melloren o seu nivel de inglés sen mandalos a outro país", apuntou Elvira Cienfuegos, responsable da Concellería de Educación e Mocidade, que organiza este curso en colaboración coa Piccadilly School of English.
ALCALDÍA
Dúas novas mostras lembran os efectos da acción humana sobre o medio natural
A Chocolataría exhibe dúas mostras adicadas ao medio ambiente: unha con debuxos do caricaturista Andrés Rábago "El Roto" e outra coas fotografías de Manuel Sendón. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, inauguraron as exposicións.