CULTURA
O público enche a praza da Quintana para participar no espectáculo de música e danza sufí dos Derviches de O Cairo
Unhas 1.500 persoas ateigaron a praza da Quintana para participar no envolvente espectáculo de danza sufí co que abriron os Derviches de O Cairo o seu paso polo Festival dos Abrazos. A variante que ofreceron os artistas exipcios desta danza de orixe turca denomínase altanura pola saia do bailarín, que pesa case 11 quilos e que está chea de cores, ao contrario que a danza turca, que se baila con chilabas brancas ou negras.
EDUCACIÓN
Educación destina 120.000 euros a obras de mantemento nos centros escolares
Como cada ano e aproveitando o período de vacacións, o Concello fará diversas obras de reparación e mantemento nos centros escolares. En total, destinaranse 119.822 euros para estes conceptos.
BENESTAR SOCIAL E MULLER
Convócanse axudas para o fomento do movemento asociativo e de defensa da muller
O Goberno local aprobou as bases e a convocatoria de subvencións para o fomento do movemento asociativo e de defensa da muller para o ano 2008. Destínanse 25.000 euros a estas axudas
CULTURA
Subvencións para entidades sen fin de lucro
Veñen de aprobarse as bases da convocatoria de subvencións a entidades sen fin de lucro no ámbito cultural. A contía que se destina a esta finalidade son 45.000 euros.
DEPORTES
Nova pista para o pavillón de Santa Isabel
O Goberno local adxudicou as obras de substitución do pavimento deportivo de madeira no pavillón polideportivo de Santa Isabel, por importe de 151.000 euros e un prazo de execución dun mes e medio. O obxectivo é que a nova pista poida estar lista para o comezo das novas tempadas das diferentes competicións deportivas que alí se desenvolven.
INFRAESTRUTURAS
Máis de medio millón de euros para obras de limpeza das pistas do rural, rúas e beirarrúas
O Goberno local aprobou diversas obras a acometer nos vindeiros meses en varias rúas e beirarrúas da cidade, así como actuacións de limpeza e desbroce de cunetas das pistas do Concello. En total, entre tres adxudicacións, supérase o medio millón de euros de investimento.
MEDIO AMBIENTE
Proxecto para por en valor as carballeiras e fontes
A Concellería de Medio Ambiente solicitará da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) unha subvención de 145.650 euros para acometer actuacións de restauración e posta en valor das carballeiras públicas de Nemenzo e Mourentán, do espazo de lecer en Verdía, e para a restauración de fontes en lavadoiros en Os Vilares, Garabal, A Sionlla, Aríns e Vilamaior. O orzamento total é de 224.077 euros e solicítase a subvención do 65% do custe total do proxecto.
CIDADE HISTÓRICA
A Calzada de Sar achegarase ao seu aspecto orixinario
O Consorcio de Santiago vai acometer a restauración da Calzada de Sar. Para iso, investirá 800.000 euros nun proxecto que foi aprobado pola Xunta de Goberno e que está pendente do informe de Patrimonio.
URBANISMO
O Concello dá o visto bo ás valoracións da expropiación da Casa do Cabildo
A Xunta de Goberno tomou en coñecemento o prezo fixado pola Comisión pericial de expertos para a expropiación da Casa do Cabildo, que ascende a 2.289.170 euros. Esta cantidade será aboada polo Consorcio de Santiago, que asumirá o inmoble a fin de rehabilitalo.