ALCALDÍA
Dúas comisións traballarán no seo do Consello da Capitalidade cara o Xacobeo 2010 e a Expo de Xangai
O Consello da Capitalidade acordou a creación de dúas comisións de traballo, a proposta do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, para estudar aspectos operativos do Xacobeo 2010 e a presenza de Santiago na Expo Universal Xangai 2010. Así o anunciou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tras unha xuntanza na que o Consello tamén tivo coñecemento do proxecto para conectar con telecabinas a cidade coa Cidade da Cultura.
MEDIO AMBIENTE E CULTURA
O programa "Vive o verán" contabiliza máis de 1.200 participantes no mes de xullo
No Parque de Galeras, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García, e a de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, fixeron un balance de como se está a desenvolver o programa de actividades ao aire libre do Concello de Santiago Vive o verán. Tamén presentaron os contidos e actividades que se reservaron para agosto e que están a ser coordinadas entre Rede de Centros Socioculturais e o departamento de Medio Ambiente.
FESTAS
Oito concertos en oito escenarios diferentes porán o punto e final ás festas do Apóstolo 2008
Tras catorce intensos días cheos de actividades, as festas do Apóstolo chegan ao seu fin cos tradicionais fogos na escalinata do campus universitario, que corren a cargo da empresa pirotécnica de Ricardo Caballer. O espectáculo comezará ás 23:00 horas do xoves 31. Tras os fogos chegará o momento de despedir as festas por todo o alto. Celébrase por primeira vez Ata o Amanecer, onde haberá oito concertos en oito puntos diferentes da cidade, co obxecto de prolongar a festa neste último día ata altas horas da madrugada.
TURISMO
Compostela promociona turisticamente o seu potencial creador
O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou Latexos, un catálogo que recolle unha mostra de artistas e galerías de arte de Santiago de Compostela. O obxectivo da publicación é promocionar turisticamente o amplo conxunto de artistas e de galerías de arte co que conta Santiago, para ofertar ás persoas que nos visitan un novo xeito de coñecer a cidade a través da súa capacidade creadora.
TURISMO E CULTURA
"Curtocircuíto na Rúa" presenta curtas gañadoras de máis de 100 premios internacionais
Curtocircuíto na Rúa, o ciclo de curtas ao aire libre organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo e a Concellaría de Cultura, presenta o programa A Volta ao Mundo, que se proxectará o xoves 31 de xullo no Cemiterio de Bonaval a partir das 22:30 horas. O programa componse de sete curtametraxes internacionais gañadoras de máis dun centenar de premios.