EDUCACIÓN E MEDIO AMBIENTE
O Programa de Educación Ambiental fomenta por noveno ano compromisos co medio ambiente entre os escolares
As concelleiras de Educación, Mercedes Rosón, e de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, acompañadas pola responsable dos programas de educación ambiental de ADEGA, Marga Miguens, presentaron a novena edición do Programa de Educación Ambiental. Este curso farase especial fincapé nas actividades relacionadas cos bosques, ao ser este 2011 o Ano Internacional dos Bosques.
ALCALDÍA
O alcalde reúnese con representantes das organizacións sociais na Casa das Asociacións de Benestar Social
Representantes de asociacións e organizacións sociais con sede na Casa das Asociacións mantiveron un encontro co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Benestar Social, Mar Martín. A reunión serviu para poñer en común os seus plans de traballo e para tratar de aproveitar sinerxías.
CULTURA
Mari Boine, a voz telúrica dos sami, no ciclo de concertos Sons da Diversidade
A lapona Mari Boine, unha das voces máis comprometidas coa súa cultura, será a protagonista do cuarto concerto da tempada 2010-2011 do ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais. A cita será o sábado 12 de febreiro ás 21:00 horas. As entradas están á venda na web de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio. O prezo é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.
ALCALDÍA
Presentación aos veciños de Meixonfrío do proxecto da futura escola infantil do barrio
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha reunión cos veciños de Meixonfrío no local social Casa Agraria. O encontro tiña como obxectivo presentarlles o proxecto da futura escola infantil do barrio, que estará situada na rúa do Lavadoiro.