TURISMO
O concelleiro de Turismo di que o reparto proposto pola Xunta para os aeroportos sería un "desastre" para sector turístico galego
O reparto de subvencións proposto pola Xunta para a promoción das liñas aéreas de baixo custo entre os tres aeroportos galegos sería un "desastre" para o sector turístico de Galicia, sinalou o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias. Así, reclamou que "non se modifique un modelo de subvencións que demostrou a súa rendibilidade para Santiago e para Galicia".
ALCALDÍA
Os concellos de Santiago, Lugo e A Coruña selan o "triángulo máxico" do turismo mundial galego
Os alcaldes das cidades de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; Lugo, José López Orozco; A Coruña, Javier Losada; e o Cebreiro, José Luis Raposo, percorreron cinco quilómetros do Camiño de Santiago, cos que selaron o "triángulo máxico" do turismo mundial galego, co obxectivo de "ser patrimonio mundial da paz, da convivencia e do encontro".
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Promoción Económica ofrece asesoramento ás persoas e empresas que soliciten axudas de Compostela Activa
A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo ofrece asesoramento personalizado ás empresas e persoas que se presenten ás dúas convocatorias do programa Compostela Activa 2009: Axudas para a creación de novas empresas e Concurso de novas ideas empresariais. Faino a través do SAE, o Servizo de Apoio á Empresa, un servizo integral e gratuíto de apoio ás persoas emprendedoras, á empresa e ao comercio de Compostela, que no que vai de 2009 leva atendidas máis de 100 consultas.
XUVENTUDE
A Concellería de Xuventude organiza dous torneos de rol e unha xornada de sensibilización sobre o voluntariado
A Concellería de Xuventude preparou para mañá sábado, 18 de xullo, dúas actividades: dous torneos de xogos de rol e unha xornada de sensibilización sobre o voluntariado. As competicións de rol, cos xogos Lenda dos 5 aneis e Flames of war, celebrase no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas. A actividade de sensibilización terá lugar na Praza Roxa, de 11:30 a 14:00 horas.
PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Compostela, vista polo artista portugués José Monteiro
Dentro do programa de verán da Casa das Asociacións organizado pola Concellería de Participación Cidadá, inaugurouse a exposición de óleos do artista portugués José Monteira, a través dos que ofrece a súa particular visión de Compostela. A mostra estará aberta ata o 14 de agosto.
FESTAS
Rober Bodegas convértese en Cristiano Ronaldo para abrir as Festas do Apóstolo
Como Cristiano Ronaldo. Así apareceu Rober Bodegas nos balcóns do pazo de Raxoi para dar o pregón das Festas do Apóstolo ante o numeroso público que encheu a praza do Obradoiro. O monologuista de Carballo botou man da actualidade e dos referentes históricos de Compostela para dirixirse a un público que logo puido asistir de balde ao concerto de Nuria Fergó.