ALCALDÍA
Felipe Ugalde recolleu o II Premio Compostela de Álbums Ilustrados pola súa obra "Un gran soño"
O ilustrador mexicano Felipe Ugalde recolleu de mans do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, o II Premio Compostela de Álbums Ilustrados. A súa obra Un gran soño logrou impoñerse nunha edición á que se presentaron 280 traballos de 22 países. O gañador recibiu 12.000 euros e o libro xa está dispoñible nas cinco linguas peninsulares (castelán, galego, vasco, catalán e portugués), ademais de en italiano e inglés.
FACENDA
O solo urbano increméntase nun 79% como resultado da última revisión catastral
Como resultado da última revisión catastral, establecéronse novos valores para a totalidade dos inmobles do termino municipal de Santiago de Compostela. A media do valor catastral dun inmoble residencial pasa de 43.834 euros a 70.134, un incremento dun 60% que será distribuído nos próximos dez anos. O solo urbano medra nun 79%.
CULTURA
A Real Filharmonía e os Monicreques de Kukas presentan "O castelo da Rocha Vella"
O sábado 24 de outubro, o Auditorio de Galicia acollerá un concerto especial, O castelo da Rocha Vella, pensado para as familias e grazas ao cal os nenos poderán descubrir a historia de Santiago dun xeito diferente. A idea xurdiu da necesidade de contar ás novas xeracións de Compostela a historia da súa cidade dunha forma amena á vez que eficiente.
XUVENTUDE
O Centro Sociocultural O Ensanche organiza o ciclo de cine fantástico "Non Future"
O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou un ciclo de cine de ciencia ficción, Non Future, que se celebrará do 26 ao 30 de outubro no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche en horario de 20:00 e 22:00 horas. No acto, tamén estivo presente o xornalista cinematográfico da TVG e Radio Galega, Moncho Lemos, en calidade de coordinador da actividade cultural.
MEDIO AMBIENTE
O Consello Municipal do Medio Ambiente debate sobre o deseño dunha estratexia verde para Santiago de Compostela
A exposición da elaboración dunha estratexia verde foi o tema central de debate da última sesión do Consello Municipal do Medio Ambiente, presidido pola concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos. O profesor da Escola de Arquitectura da Universitat Politécnica de Catalunya Albert Cuchí foi o encargado de presentar as bases teóricas para o deseño da estratexia, en calidade de coordenador do grupo de traballo que está a elaborala.