CIDADES PATRIMONIO
A oferta turística e cultural de Santiago de Compostela, na India
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, do que forma parte Santiago de Compostela, finalizou a súa participación nas xornadas de promoción e comercialización dirixidas a empresas do sector e institucións que organiza Turespaña na India.
PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Participación Cidadá convida os composteláns a coñecer Galicia a través do sendeirismo e das feiras gastronómicas
A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, presentou o programa Coñecendo o país, que permitirá aos composteláns participar en 17 rutas de sendeirismo e outras 13 gastronómicas. As primeiras serán principalmente os sábados, mentres as visitas ás feiras culinarias serán os domingos.
EDUCACIÓN
O Premio Ánxel Casal saca á luz un ano máis novos valores da creación literaria en galego
A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, acompañada polo director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, presentou as bases da convocatoria da XVI edición do Premio Literario Ánxel Casal, nas súas modalidades de conto, poesía e teatro. O certame, dirixido ao alumnos a partir dos 14 anos dos centros de ensino secundario de Galicia, repartirá 5.100 euros en premios.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Promoción Económica destina 170.000 euros á creación e consolidación de novas empresas
O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o programa de fomento do emprendemento Compostela Activa 2011. Enmarcado no Servizo de Apoio á Empresa, ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.
ALCALDÍA
Luis García Mañá e Luis Braga da Cruz, distinguidos polo Eixo Atlántico
O Eixo Atlántico celebrou en Santiago a súa Asemblea Xeral, rematada a cal o organismo entregou as súas medallas de ouro ao xefe superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá, e ao ex ministro de Economía de Portugal, Luis Braga da Cruz. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á Asemblea e a este acto protocolario.
EDUCACIÓN E MEDIO AMBIENTE
O Programa de Educación Ambiental fomenta por noveno ano compromisos co medio ambiente entre os escolares
As concelleiras de Educación, Mercedes Rosón, e de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, acompañadas pola responsable dos programas de educación ambiental de ADEGA, Marga Miguens, presentaron a novena edición do Programa de Educación Ambiental. Este curso farase especial fincapé nas actividades relacionadas cos bosques, ao ser este 2011 o Ano Internacional dos Bosques.
ALCALDÍA
O alcalde reúnese con representantes das organizacións sociais na Casa das Asociacións de Benestar Social
Representantes de asociacións e organizacións sociais con sede na Casa das Asociacións mantiveron un encontro co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Benestar Social, Mar Martín. A reunión serviu para poñer en común os seus plans de traballo e para tratar de aproveitar sinerxías.
CULTURA
Mari Boine, a voz telúrica dos sami, no ciclo de concertos Sons da Diversidade
A lapona Mari Boine, unha das voces máis comprometidas coa súa cultura, será a protagonista do cuarto concerto da tempada 2010-2011 do ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais. A cita será o sábado 12 de febreiro ás 21:00 horas. As entradas están á venda na web de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio. O prezo é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.
ALCALDÍA
Presentación aos veciños de Meixonfrío do proxecto da futura escola infantil do barrio
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha reunión cos veciños de Meixonfrío no local social Casa Agraria. O encontro tiña como obxectivo presentarlles o proxecto da futura escola infantil do barrio, que estará situada na rúa do Lavadoiro.
ALCALDÍA
O servizo do transporte urbano incorpora cinco novos autobuses cun moderno deseño adaptado ás características da cidade
A praza do Obradoiro acolleu a presentación das cinco novas unidades que incorpora o servizo de transporte urbano. Estes autobuses destacan polo seu moderno deseño exterior, máis adaptado aos novos tempos, e tamén polas solucións técnicas que incorporan. Teñen capacidade para 26 viaxeiros sentados e 65 de pé, ademais de espazo para unha cadeira de rodas.