URBANISMO
Máis de dous millóns de euros para as ARI de Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico
A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta da sinatura dos convenios entre o Concello, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e o Ministerio de Fomento para o financiamento de novas fases de actuación nas áreas de rehabilitación integral (ARI) de Vista Alegre, Pontepedriña (grupos Compostela e Cardeal Quiroga Palacios) e Casco Histórico. En total, son 2.314.000 euros de subvención para unhas obras que suporán un investimento inducido de 4.900.000 euros.
XUNTA DE GOBERNO
Unha nova ordenanza regulará e actualizará todos os tipos de ocupación da vía pública
A Xunta de Goberno aprobou inicialmente o novo proxecto de ordenanza de ocupación e uso da vía pública. O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Albino Vázquez deu conta das principais características desta norma, que regula e actualiza todos os tipos de ocupación.
CULTURA
La Habitación Roja, The Last Internationale + The Ripe e Wanda Jackson + Pedrito Diablo & Los Cadáveras no Compostela Rock
O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Victor Carou presentou os novos concertos do Compostela Rock, ciclo da Concellería de Cultura. Serán La Habitación Roja, o 24 de maio no Teatro Principal; The Last Internationale+The Ripe, o 6 de xuño na Sala Capitol; e Wanda Jackson+Pedrito Diablo & Los Cadáveras, o 4 de xullo tamén na Sala Capitol.
TURISMO
Santiago promociónase en Frankfurt como destino de congresos e incentivos
Turismo de Santiago estará presente no Imex de Frankfurt, un dos eventos máis importantes do mundo no sector do turismo de congresos e incentivos. O evento celébrase do 22 ao 24 de maio. No ano 2011 participaron 3.500 expositores, procedentes de 157 países, datos que amosan a importancia deste encontro.