XUNTA DE GOBERNO
O Concello cede o inmoble da antiga Casa de Acollida para o Centro Autonómico de Recuperación Integral para Mulleres
A Xunta de Goberno aprobou na súa última sesión a modificación do acordo do 5 de maio de 2008 de concesión á Xunta de Galicia do inmoble da antiga Escola Raíña Fabiola, en San Lourenzo, para a construción do Centro Autonómico de Recuperación Integral para Mulleres en Situación de Violencia. Deste xeito, cédese o edificio independente da anterior Casa de Acollida, permanecendo o edificio de uso sociocultural para tal fin.
CULTURA
Holga Méndez recibe o VI Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas
A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, entregou a Holga Méndez o primeiro premio do VI Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas 2009. No acto de entrega, que tivo lugar na sala de exposicións do Auditorio de Galicia, participou tamén o director do centro, Paulo Rodríguez. Holga Méndez (Pontevedra, 1971) impúxose aos outros 157 participantes no certame coa obra Reflexos: réplicas (Diálogos en Unland). O premio está dotado con 6.500 euros.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Trinta e cinco persoas condenadas por delitos leves poderán cumprir as penas con traballos en beneficio da comunidade
A Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio entre o Concello de Santiago e a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, para o cumprimento de penas de traballo en beneficio da comunidade. A iniciativa ten como obxetivo mellorar as posiblidades de integración no mercado laboral das persoas condenadas por delitos de carácter leve e menos grave, co fin de que redunde nunha redución da reincidencia.
TURISMO
Santiago de Compostela acumula no 2009 un crecemento en pernotacións do 6,68% a falta dos datos de decembro
Santiago de Compostela sumou nos once primeiros meses do ano un total de 1.130.857 pernotacións, segundo os datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Neste período, a única cidade pertencente aos grupos das Cidades Patrimonio e da España Verde, compostos polos destinos comparables á nosa cidade, que supera o millón de pernotacións entre xaneiro e decembro, ademais de Santiago, foi Bilbao, con 1.027.764.