ALCALDÍA
Caixa Galicia achega máis de 500.000 euros ao programa cultural da cidade
O director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asinaron un convenio de colaboración entre a Fundación Caixa Galicia e o Concello para a realización de diferentes actividades culturais na capital galega.
CULTURA
O Concello e o Museo do Pobo Galego colaborarán en diversos obradoiros e actividades
O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo, asinaron un convenio que fixa a colaboración en diversas actividades específicas de salvagarda da cultura galega . O Concello achegará 10.000 euros.
INFRAESTRUTURAS
Resólvese o contrato do novo Parque Comarcal de Bombeiros
O Goberno local acordou a resolución do contrato de consultoría e asistencia técnica para a redacción do proxecto e dirección facultativa da nova sede do Parque Comarcal de Bombeiros, adxudicado no seu día a Alberto Noguerol del Río. A razón é o incumprimento do contratista da obriga de requirir a pertinente autorización para a modificación do proxecto.
DEPORTES E SEGURIDADE
Visto bo ás obrigas municipais para a chegada a Santiago da Volta Ciclista a España
O 2 de setembro remata en Santiago unha etapa da Volta Ciclista a España 2007. Por este motivo, o Goberno local aprobou o convenio que se subscribirá entre o Concello e a Fundación Deporte Galego, no que se determinan as obrigas municipais en relación ao evento.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Unha marca para o comercio compostelán
O Goberno local adxudicou unha asistencia técnica para o desenvolvemento da actividade de creación da marca do comercio compostelán, por un importe de 22.000 euros. A finalidade deste proxecto é sentar as pautas para a xestión óptima deste recurso, de xeito que permita visualizar a estratexia corporativa do comercio da cidade.
FESTAS
As Festas do Apóstolo chegan ao seu fin co espectáculo de fogos na escalinata do Campus e a homenaxe a Queen na Quintana
As Festas do Apóstolo chegan o martes 31 ao seu fin tras dezanove intensos días de gran variedade de actividades pensadas para toda a familia e para todas as idades. Unhas festas marcadas pola participación dos composteláns e visitantes e o civismo amosado en todas as xornadas.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
O 31 de agosto remata o prazo para solicitar incentivos para a creación de novas empresas
O 31 de agosto remata o prazo de presentación de solicitudes do programa de Incentivos para a creación de novas empresas Compostela Activa 2007, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Este ano o volume das axudas increméntase un 33%, pasando dos 30.000 euros do 2006, dos que se beneficiaron 29 proxectos empresariais, a 40.000 euros.
ALCALDÍA
Unha pequena historia de León con fins solidarios
A sede da Fundación Caixa Galicia acolleu a presentación do libro "Historia Pequeña de León". Esta obra, editada pola Fundación Carriegos e financiada pola Fundación Caixa Galicia, contén textos do escritor, periodista e poeta Victoriano Crémer, e están extraídos das columnas de opinión que Crémer publicou na prensa leonesa nos anos 50 e 60.