EDUCACIÓN
Os escolares fórmanse en seguridade
Continúa a desenvolverse o programa de actividades da campaña municipal de educación viaria e de autoprotección nos centros escolares "¿Onde está o perigo?", promovida polos Departamentos de Educación e Mocidade e Tráfico do Concello de Santiago. Trátase dunha iniciativa para a prevención de riscos e a intervención diante de calquera emerxencia que se produza.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Encarna Álvarez Gallego trae o seu "bilingüismo cromático" ás Fontiñas
"Bilingüismo cromático" é o título da exposición que Encarna Álvarez Gallego leva ó Centro Sociocultural das Fontiñas do 12 ó 29 de maio. "Entre o pensar galego e o sentir da miña terra, fun compoñendo cadros que falan de ámbolos dous sitios sen preferir nada, sen botar de menos, quedándome encantada co que ven, xa que probablemente, está aí para ser descuberto e pintado" apunta a autora sobre esta mostra.
EDUCACIÓN
O mundo do circo, representado no Principal polos alumnos do Instituto de Sar
Un grupo de alumnos do IES de Sar tivo a oportunidade de subirse ó escenario do Teatro Principal para representar "A derradeira promesa", a obra coa que gañou o XI Certame de Teatro Intercentros. Nunha festiva sesión de teatro, estes novos actores tiveron a ocasión de mostrar as súas habilidades escénicas a un animado público composto sobre todo polos demais rapaces e rapazas que participaron no certame.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Empresarios e investigadores unen esforzos
O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou unha xornada da Rede de Cooperación Local, na que tres investigadores da USC darán charlas a empresarios do Polígono do Tambre. O obxectivo destas charlas é darlles a coñecer a oferta investigadora da Universidade compostelán e como esta pode servir para mellorar os seus proxectos empresariais.
FESTAS
Muchachito Bombo Infierno, Kiko Veneno e Celtas Cortos nas Festas da Ascensión
O concerto gratuíto de Muchachito Bombo Infierno e de Kiko Veneno o mércores 24 de maio será unha das actuacións máis destacadas das Festas da Ascensión, que se celebrarán do 24 ao 27 de maio. Este evento forma parte dun intenso programa de actividades, que tamén traerá a Santiago un concerto de Celtas Cortos e un festival de hip-hop.