EIXO ATLÁNTICO
O Eixo Atlántico edita o libro "A gobernanza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal"
O Eixo Atlántico acaba de editar o libro "A gobernanza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal", no que expertos galegos e portugueses reflexionan sobre as novas formas de democracia e de gobernanza e a súa progresiva aplicación na administración da Eurorrexión.
EDUCACIÓN
Alumnos do IES Rosalía de Castro gañan unha nova edición do premio "Coñecer as cidades patrimonio"
Un grupo de alumnos de segundo de ESO do Instituto Rosalía de Castro gañou unha nova edición do premio "Coñecer as cidades patrimonio", polo seu traballo "Toledo, cidade de convivencia: onte e hoxe. O papel das mulleres ". Grazas a este recoñecemento poderán viaxar primeiro a Toledo e logo a Segovia, onde exporán o seu proxecto.
CULTURA
Zona Alternativa ofrece un ano máis as creacións máis arriscadas das artes escénicas contemporáneas
A Sala Nasa acolle a oitava edición de Zona Alternativa, un proxecto que pretende ofrecer unha visión actual do panorama das artes escénicas contemporáneas: teatro, música, danzas e derivados). As propostas máis arriscadas e alonxadas do convencional pasarán polo recinto de San Lourenzo, facendo de Compostela un punto de encontro para novos creadores
UMAD
Un novo taller da UMAD axudará a pais e nais a abordar o tema das drogas
O 2 de marzo comezará na sede da UMAD o taller "E as drogas ¿que? ¿como abordamos o tema das drogas con respecto aos nosos fillos/as?", organizado no marco do Programa de pais e nais para a educación, baixo a concepción da capacidade preventiva que ten a familia. O obxectivo do obradoiro é proporcionar estratexias e información aos pais e nais que axuden a abordar o tema das drogas cos seus fillos/as e potenciar os recursos preventivos que xa posúen.
PLENO
O Concello cede unha parcela en Fontiñas para a un centro da terceira idade
O Pleno municipal aprobou por unanimidade a ampliación dos usos permitidos na parcela B (porción sur) do polígono 3 do Plan Parcial de Fontiñas. O obxectivo desta modificación é ceder ese terreo para a futura construción dun centro da terceira idade e para a ampliación do Conservatorio Profesional de Música.
FESTAS
Preto de 60.000 persoas gozaron do tradicional desfile de Entroido
O desfile do Entroido congregou a preto de 60.000 persoas, que saíron ás rúas para gozar do paso das carrozas, das comparsas e dos diferentes disfraces que inundaron cos seus sons e corido a cidade. Repartíronse máis de 12.000 euros entre as carrozas, comparsas, parellas, disfraces individuais e grupos no concurso de Entroido.
CULTURA
Alban Berg, de novo no programa da Real Filharmonía de Galicia
A Real Filharmonía de Galicia pecha o mes de febreiro cun concerto no que o respectado Edmon Colomer dirixirá á Real Filharmonía. Nesta ocasión actuará como solista a coprincipal de violíns primeiros da orquestra Anca Smeu. Estará acompañada pola pianista Ilona Timchenko, gañadora de numerosos concursos internacionais, e que xa colaborou coa Real Filharmonía en pasadas ocasións. A cita é o xoves 22 de febreiro.
CULTURA
Milladoiro abre un novo semestre do ciclo Sons da Diversidade
Por cuarto ano, os composteláns poderán disfrutar dos concertos do ciclo Sons da Diversidade. Variedade de estilos e calidade musical para unha proposta "que pretende achegar ao público de Santiago o máis significado que se fai na música en diferentes partes do mundo", en palabras do concelleiro de Cultura, Néstor Rego.
ALCALDÍA
Compostela acollerá o VI Congreso Nacional de Lupus
A presidenta da Asociación Galega de Lupus (AGAL), Eugenia Escudero, pasou por Raxoi, onde foi recibida polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Este foi invitado por Escudero a participar no VI Congreso Nacional de Lupus, que se celebrará no Auditorio de Galicia os días 11 e 12 de maio.
EIXO ATLÁNTICO
O Eixo Atlántico reúnese con responsables da Comisión Europea
O venres 23 de febreiro os responsables de medio ambiente dos 18 concellos que conforman o sistema urbano da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal –entre eles Santiago– e responsables da CCDR-N reuniranse en Ourense co responsable do Progama LIFE + da Unión Europea.