EDUCACIÓN
Espazos de convivencia e lecer durante o verán nos centros escolares Pío XII, Fontiñas e López Ferreiro
A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, visitou os centros escolares Pío XII, López Ferreiro e Fontiñas, onde se realiza unha nova edición da Escola Municipal de Verán. As actividades comezaron o mércores 23 e prolongaranse, na primeira quenda, ata o 16 de xullo.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Tres grupos de rock do programa Revelando Voces actúan no "MarRockzos"
A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o responsable da programación de artes escénicas dos Centros Socioculturais, Adolfo Muíños, e o presidente da Asociación de Veciños de Marrozos, Emilio Cao, presentaron o concerto MarRockzos, que terá lugar a medianoite do sábado 26 no campo da festa da parroquia.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Promoción Económica e Emprego forma gratuitamente a coidadores familiares a través dun obradoiro de expresión artística
O xoves 24 de xuño, de 16:00 a 20:00 horas, celébrase o segundo Obradoiro de expresión artística para coidadores/as familiares. Desenvolverase, igual que o celebrado o día 17, nas oficinas de Promoción Económica e Emprego situadas na rúa do Hórreo, 100. Está organizado por esta Concellería co obxectivo de formar ao colectivo en técnicas de artes plásticas que poidan utilizar coas persoas ás que coidan.
PLENO
A Corporación demanda á Xunta a axilización das obras da Cidade da Cultura e a execución das súas conexións
Na sesión ordinaria do Pleno municipal aprobouse unha moción instando á Xunta a rematar as obras da Cidade da Cultura e a conectar a mesma coa cidade. Tamén se deu o visto bo a outra demandando que se garanta o Plan Comunitario do Barrio de Vite.
ALCALDÍA
Concello e Obradoiro marcan as pautas de colaboración cara o futuro
A nova directiva do Obradoiro Club Amigos do Baloncesto, encabezada polo presidente, Ricardo Docobo, foi recibida en Raxoi polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.
CULTURA
As danzas contemporáneas de Galicia e Francia únense nas rúas de Compostela
A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, acompañada da agregada cultural da Embaixada de Francia, Irina Petrescu, e do director do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, deu a coñecer a programación da segunda edición do festival Entredanzas, un evento que achegará a danza contemporánea galega e francesa a través de espazos abertos da cidade.
MEDIO AMBIENTE
Medio Ambiente colabora co ciclo de conferencias "A auga de Compostela, patrimonio dunha cidade sustentable"
A Concellaría do Medio Ambiente colabora co ciclo de conferencias A auga de Compostela, patrimonio para unha cidade sustentable, unha serie de charlas organizadas pola delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG-Santiago). Acompañando a Elvira Cienfuegos, na presentación desta conferencia estiveron Iván de Andrés, responsable de Cultura do COAG-Santiago, e Jorge Duarte, presidente da delegación.
TURISMO
Máis de 17.000 tapas consumidas e 80 premios entregados nos primeiros dez días do concurso "Santiago(é)Tapas"
A terceira edición de Santiago(é)Tapas está amosando que o evento é xa unha referencia tanto para os composteláns coma para os turistas que visitan a cidade. Nos primeiros dez días do concurso xa se consumiron 17.000 tapas nos 56 establecementos participantes no concurso. En 2009 consumíronse 27.000 tapas en total, nos 50 establecementos que participaron entón. Na primeira edición, a de 2008, foran 20.000 tapas.
XUNTA DE GOBERNO
Iníciase a licitación da obra da nova escola infantil de Salgueiriños
A Xunta de Goberno, nunha sesión extraordinaria, aprobou o proxecto e iniciou a contratación das obras da futura escola infantil de Salgueiriños. Tamén se iniciou o expediente de contratación da segunda fase do proxecto de restauración do Monte de Deus.
EDUCACIÓN
Unhas xornadas poñen en valor o patrimonio dos institutos históricos
A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou as IV Xornadas de Institutos Históricos: cultura, educación e patrimonio, que se desenvolverán en Santiago e noutros espazos de Galicia do 6 ao 8 de xullo.