EDUCACIÓN
O Nadal, en clave de danza infantil
A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou unha nova edición de "Nadal de Danza", que nesta ocasión celebra o venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Ata 104 alumnas de catro centros educativos da cidade amosarán o traballo realizado nesta disciplina, que se imparte como actividade extraescolar.
ALCALDÍA
Os graniteiros premian a aposta de Compostela pola pedra
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recolleu o premio "Concello de Pedra", outorgado a Compostela pola Asociación Galega de Graniteiros en recoñecemento "á tradición milenaria da cidade no emprego da pedra". O galardón distingue a aqueles municipios que teñen o granito como protagonista nos seus planos urbanísticos.
ALCALDÍA
A zona sur dótase de novos servizos
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o novo centro Eroski, situado en Volta do Castro. Diversos colectivos, empresarios e veciños participaron neste acto, co que unha das grandes cadeas de alimentación española consolida a súa implantación en Santiago.
TURISMO
Aeroliñas e xestores de aeroportos debaten as súas estratexias en Santiago
As III Xornadas de Aeroportos Rexionais, que se celebrarán entre o 13 e o 14 de decembro no Hostal dos Reis Católicos, convertirán a Santiago de Compostela en punto de encontro dos responsables dos aeroportos rexionais e das principais liñas aéreas que operan en España.