URBANISMO
O Concello instalará un sistema de bombeo de pluviais na praza da Capela de San Xoán (Pelamios) para evitar inundacións
A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, reunida na Capela de Urbanismo, no Pazo de Raxoi, aprobou a instalación dun sistema de bombeo de augas pluviais na praza da Capela de San Xoán, en Pelamios. Preténdese así evitar as inundacións que se veñen producindo nesta praza. Ademais, deuse o visto bo á modificación da sinalización vertical na rúa de San Francisco.
ALCALDÍA
Presentado o VII Encontro Internacional de Biotecnoloxía Biospain 2014, que terá lugar en Compostela do 24 ao 26 de setembro
O alcalde compostelán, Ángel Currás, participou na presentación do VII Encontro Internacional de Biotecnoloxía Biospain 2014, que terá lugar en Compostela entre os días 24 e 26 de setembro. O acto contou coa presenza dos conselleiros de Sanidade, Rocío Mosquera; de Economía e Industria, Francisco Conde; de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; e de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.
ALCALDÍA
Recepción aos participantes no proxecto europeo Entrepeneur 2.0
O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu en Raxoi os participantes no proxecto europeo Entrepeneur 2.0 (Emprendedor 2.0). Esta iniciativa, incluída no programa Leonardo da Vinci e financiada pola Unión Europea, pretende formar os emprendedores para que saquen proveito das ferramentas de Internet. A Cámara de Comercio é socio neste programa.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
"Bonecos de escena", novo obradoiro do programa Vive o Verán
Xusto na semana seguinte ao remate das clases dos escolares, o programa Vive o verán 2014 inclúe unha suxestiva proposta, o obradoiro Bonecos de escena, que conta co apoio da Fundación SGAE, para os rapaces máis pequenos, con idades entre os 3 e os 8 anos.
ECONOMÍA
Reyes Leis deu a benvida aos participantes no II Foro Sabadell Professional en Galicia
A concelleira Reyes Leis asistiu á apertura do II Foro Sabadell Professional en Galicia, que se celebra durante esta xornada no Hostal dos Reis Católicos.
EDUCACIÓN
Un simulacro de evacuación renova o Plan de Emerxencia das escolas infantís municipais
A Policía Local, o Servizo de Extinción de Incendios, Protección Civil, técnicos do Departamento de Educación, as profesionais das escolas infantís municipais e o alumnado das mesmas están a realizar de forma coordinada simulacros de evacuación. O obxecto destas probas é a renovación do Plan de Emerxencia das escolas infantís de Conxo e As Fontiñas e a posta en marcha do de Meixonfrío-Salgueiriños.
DEPORTES
Remata o prazo de inscrición na CorreSan Ruta da Prata - Angrois
Este mércores 18 de xuño remata o prazo de inscrición na carreira Ruta da Prata – Angrois, a segunda do III Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan. A proba celebrarase o sábado 21 e xa conta cuns 600 inscritos.