XUNTA DE GOBERNO
A Rede de Centros Socioculturais programa máis de 400 accións e 26.000 horas de actividades para 2014
A voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, deu conta dos asuntos tratados na última sesión ordinaria, así como na extraordinaria celebrada o 30 de decembro. Entre os temas aprobados nesta última destacan a aprobación dos prezos públicos para as actividades dos centros socioculturais, das bases das subvencións ao comercio de proximidade do Urbana Santiago Norte e da actualización de tarifas en varios estacionamentos municipais.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Os nenos e nenas do programa de conciliación de Nadal dos CSC visitaron a pista de xeo da Alameda
O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, asistiu á visita de agasallo que realizaron á pista de xeo da Alameda os 32 nenos e nenas e seis monitores que participan nos CSC de Conxo e de Santa Marta nas Mañás de Nadal, a proposta de conciliación deste Departamento, incluída á súa vez no programa Vive o Nadal. As Mañás de Nadal continuarán nas xornadas do venres 3, o martes 7 e o mércores 8 de xaneiro.
VÍAS E OBRAS E SEGURIDADE CIDADÁ
Os últimos temporais obrigaron a diversas intervencións da Brigada de Vías e Obras e dos efectivos de seguridade
Os concelleiros de Seguridade Cidadá, Luis Bello, e de Xestión de Servizos Básicos, deron conta do balance dos últimos temporais, así como da última noite do ano. As inclemencias meteorolóxicas obrigaron a diversas intervencións da Brigada de Vías e Obras, sobre todo no medio rural, mentres que a noite do 31 decembro ao 1 de xaneiro se pechou se demasiadas incidencias.
CULTURA
"Ñam!", un espectáculo de Caramuxo Teatro para bebés na Zona C
O ciclo Infantil & Familiar trae á zona C (Bonaval, 1) Ñam!, un espectáculo de Caramuxo Teatro para bebés, que en catro funcións, venres 3 e sábado 4, permitirá sentir e saborear en familia o atraínte mundo da cociña. Un goloso espectáculo recomendado para nenos de 1 a 6 anos, acompañados de adultos, onde público e actores compartirán o mesmo escenario.
CONSORCIO
O director galego Diego García dirixe a Real Filharmonía de Galicia no tradicional concerto da noite de Reis
A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra, como cada ano por estas datas, o tradicional concerto da noite de Reis. Nesta ocasión levará a batuta o director galego Diego García Rodríguez. Pola súa parte, o actor Xosé Esperante encargarase de interpretar algunha das obras. A cita terá lugar o domingo 5, ás 22:00 horas, no Auditorio de Galicia.