COMERCIO
O Concello convoca a terceira edición dos Premios ao Comercio Compostelán
A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou os Premios do Comercio Compostelán 2015, cos que o Concello quere recoñecer o traballo e o esforzo dos pequenos comerciantes da cidade e que se entregarán o día 8 de abril nun acto no Pazo de Raxoi. A peza conmemorativa que se entregará aos premiados seleccionarase nun concurso dirixido aos artesáns e obradoiros composteláns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía e a estudantes de formación artística regrada.
ALCALDÍA
O alcalde expresa a gratitude e a débeda eterna de Santiago con Rosalía de Castro no 178º aniversario do seu nacemento
O alcalde compostelán, Agustín Hernández, presidiu na Alameda o acto de homenaxe a Rosalía Castro con motivo do aniversario do nacemento da poeta, organizado polo Concello e a Fundación Rosalía de Castro. Alí, ante a estatua da escritora, realizouse unha ofrenda floral.
EDUCACIÓN
Xornada didáctica da Escola Municipal de Música nos centros educativos da cidade
As escolas infantís de San Roque e Tras-Parlamento, os colexios A Inmaculada, La Salle, San Jorge e o CEIP Ramón Cabanillas acolleron unha nova actividade didáctica da Escola Municipal de Música (EMM), dentro do 5º ciclo de sesión didácticas que esta institución educativa vén realizando nos centros de ensino de Compostela. Quen é quen: os instrumentos que viven na EMM é o título deste programa, a cuxa sesión no CEIP Ramón Cabanillas asistiu a concelleira de Educación, Maite...
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Aberta a inscrición para os obradoiros de maxia nos centros socioculturais
A maxia volve aos centros socioculturais cunha nova proposta formativa para os máis novos, que se poderán achegar ao mundo do ilusionismo da man de magos de recoñecido prestixio. Os locais de Fontiñas e do Castiñeiriño programan de marzo a xuño dous obradoiros desta Escola de maxia, dirixida a rapaces empadroados en Santiago con idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos.
TURISMO
Turismo promociona a cidade como destino de congresos en Alemaña e Suíza
Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), promocionará esta semana a cidade como destino de congresos en Alemaña e Suíza. A mellora substancial da conectividade aérea con ambos mercados neste 2015, no que por primeira vez haberá catro conexións directas con Alemaña e catro con Suíza, pode ser unha oportunidade para captar congresos, eventos e incentivos organizadas por entidades destes países.
CONSORCIO
A Real Filharmonía acompaña esta semana ao prestixioso pianista turco Fazil Say
A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal no Auditorio de Galicia este xoves, 26 de febreiro, ás 21:00 horas. Nesta ocasión dirixirá a orquestra o mestre valenciano Rubén Gimeno, actual director titular da Orquestra Sinfónica do Vallés (Sabadell). Durante seis anos foi director artístico da Xove Orquestra da Sinfónica de Galicia, labor que simultaneou co posto de violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia.
CULTURA
Roi F.F. estrea "1. Who is inside the camera?" dentro do Bono de Teatro Galego
Who is inside the camera? é unha peza escénica que explora a capacidade de relación do individuo consigo mesmo e co mundo. O salto de consciencia do ser humano coa linguaxe, a lóxica e a razón permítenos imaxinar e abstraer, e tamén nos fai pensar que somos unha persoa, única e individual. Poderemos ver a súa estrea absoluta este mércores e de novo xoves e venres, ás 20:30 horas, na Zona C, dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués.