ALCALDÍA
Martiño Noriega recibe os responsables da Cátedra Galicia-América
O alcalde de Santiago recibiu hoxe no Pazo de Raxoi os responsables da Cátedra Galicia-América, da Universidad Nacional de San Martín (Arxentina). No encontro con Martiño Noriega participaron o director da Cátedra, o escritor Manuel Rivas, e os profesores de San Martín Mario Greco e Micaela Cuesta.
POLÍTICAS SOCIAIS
O Concello asina cinco convenios con entidades sociais por valor de 82.500 euros
A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, asinou hoxe cinco convenios nominativos con entidades sociais da cidade que traballan no eido da diversidade. Os convenios asinados hoxe foron co Albergue Xoán XXIII, Aspas, Fundación Andrea, Fonte da Virxe e Down Compostela.
TURISMO
Santiago, na feira JATA de Tokio
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade participou na feira JATA de Tokio, celebrado do 22 ao 25 de setembro na capital nipoa. As 15 cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco promocionaron a súa riqueza cultural e patrimonial da man de Turespaña nunha caseta propia.
CONSORCIO
O 17 de outubro remata o prazo de solicitude das axudas para a mellora dos locais comerciais da cidade histórica
No marco do Programa Localízate, o Consorcio de Santiago vai destinar este ano 100.000 euros en axudas para mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a imaxe exterior e o acondicionamento interior dos locais comerciais situados no ámbito do Plan Especial de Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 17 de outubro.
DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO
Un ciclo de cine, un combate de debuxantes e as "noites do fracaso" dan inicio ao Spin2016
O emprendemento chega ao noso concello con Spin2016. Desde o 26 de setembro, e ao longo dunha semana, a capital galega alberga numerosas actividades que achegarán un pouco máis a realidade dos/as emprendedores/as a toda a cidadanía. Cultura, emprendemento e humor estarán presentes na zona monumental entre o 26 e o 28 de setembro, para trasladarse despois á Cidade da Cultura de Galicia, onde do 29 de setembro ao 1 de outubro celebrarase Spin2016, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario.
XUNTA DE GOBERNO
Adxudicado pola Xunta de Goberno o servizo de telecomunicacións do Concello para darlle cumprimento a unha sentenza xudicial
A Xunta de Goberno acordou hoxe adxudicarlle á UTE Telefónica Móviles S.A-Telefónica de España SAU o Servizo Corporativo de Telecomunicacións e o Servizo de Centro de Atención ao Usuario do Concello de Santiago. Deste xeito, o Executivo local dálle resposta a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anulou a adxudicación feita inicialmente en decembro de 2013 e que foi ratificada en marzo de 2014.
ALCALDÍA E EDUCACIÓN
Francesco Tonucci explicou en Santiago de Compostela a súa filosofía sobre o papel dos nenos e nenas no goberno das cidades
O pedagogo italiano Francesco Tonucci visitou este venres a cidade, convidado pola Concellaría de Educación e Cidadanía. Aquí mantivo unha intensa axenda de actividades, que incluíu unha recepción no Pazo de Raxoi e varios encontros con escolares. Para a tarde estaba prevista unha conferencia, ás 19:00 horas no IES Rosalía de Castro, baixo o título "A cidade das nenas e dos nenos: unha nova filosofía de goberno da cidade".
MOBILIDADE
O Día sen Coches deixou un aumento do 13% no uso do transporte urbano
O Concello de Santiago celebrou onte o Día sen Coches, no marco da Semana da Mobilidade, e como adoita ser habitual o autobús urbano foi gratuíto durante toda a xornada. O día pechouse con 31.845 usuarios, fronte aos 28.155 do xoves anterior. Iso supón un aumento do 13,11% e de 3.690 viaxeiros.
FACENDA E MOCIDADE
A área de Mocidade celebra unha asemblea de diagnose o mércores 28 de setembro
Dentro da partida total dos Orzamentos Participativos, 100.000 euros destinaranse a actividades dirixidas á mocidade (entre 16 e 35 anos). Calquera persoa pode facer propostas para esta área (ata o 6 de outubro), se ben á hora de escoller as máis acaídas deberá estar censada ou ser estudante en Santiago de Compostela. As propostas rexistraranse vía web ou na asemblea presencial que se celebrará este mércores 28 de setembro, a partir das 20:30 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.
ACCIÓN CULTURAL E ESPAZOS CIDADÁNS
O Matadoiro Compostela acolle mañá a pre-festa Maker Faire Galicia
O Matadoiro Compostela segue acollendo interesantes actividades a diario, e a programación non cesa na fin de semana. Mañá, a antiga Casa da Xuventude será o escenario da pre-festa Maker Faire Galicia, a iniciativa do Recuncho Maker.