COMERCIO
O Mercado do Nadal celebrarase na nave cinco da Praza de Abastos
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou a convocatoria para que os comerciantes, artesáns e produtores interesados poidan presentar as súas solicitudes para participar no Mercado do Nadal. A segunda edición deste evento terá lugar na Nave 5 da Praza de Abastos, dende o 11 de decembro ata o 5 de xaneiro. O Mercado contará cun máximo de 26 postos de venda, con exposición e venda de produtos vinculados ás celebracións de Nadal.
ALCALDÍA
O alcalde expresa de novo o rexeitamento do Concello ao traslado do 061 e do 112
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu o Comité de Empresa do 112 Galicia, complementando así a reunión mantida este martes coa Xunta de Persoal do 061. Logo, sumouse á concentración que os traballadores destes dous servizos realizaron no Obradoiro contra o traslado dos mesmos á Estrada.
EDUCACIÓN E CIDADANÍA
O servizo de comedor e de madrugadores seguirá prestándose con normalidade e nas mesmas condicións a partir deste luns
A Concellaría de Educación e Cidadanía vén de comunicar ás direccións dos centros educativos e ás ANPAS que o servizo de comedor e de madrugadores do Concello de Santiago se continuará prestando a partir do vindeiro luns, 16 de novembro, con total normalidade e nas mesmas condicións que ata agora.
FACENDA E MOCIDADE
O piloto de orzamentos participativos de Mocidade chega á fase de valoración con máis de 50 propostas presentadas
A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, fixo unha valoración do proceso piloto de orzamentos participativos na área de Mocidade, que se atopa xa na súa fase final. Este venres, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural das Fontiñas, celebrarase unha asemblea na que se votarán as propostas presentadas. O sábado iniciarase o voto telemático.
TURISMO
Comeza o concurso Santiago(é)tapas con 69 locais participantes que ofertan 109 tapas
A oitava edición do Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, comezou este xoves nos 69 locais participantes, que ofertarán un total de 109 tapas. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou o concurso cunha ruta de tapas acompañado pola concelleira de Turismo, Marta Lois; os presidentes da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos e José Antonio Riveiro; concelleiros dos distintos grupos municipais e representantes de empresas e entidades colaboradoras.
ACCIÓN CULTURAL
Doce formacións competirán no IX Certame Galego de Bandas de Música
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asistiu no Salón Teatro á presentación do IX Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará no Auditorio de Galicia os días 21 e 22 de novembro. Participarán doce formacións, repartidas nas tres categorías convocadas.
ACCIÓN CULTURAL
O festival Cineuropa recoñece a Miguel Gomes como "un dos máis grandes fabuladores do noso tempo"
O portugués Miguel Gomes recibirá este venres o primeiro dos Premios Cineuropa que se outorgan nesta XXIX edición do festival. Autor de A cara que mereces (2004), Aquele querido mês de agosto (2008), ou Tabú, premio Alfred Bauer e FIPRESCI na Berlinale de 2012, Gomes é recoñecido, en palabras de Martin Pawley, como "un gran escoitador e iso fixo del un dos máis grandes fabuladores do noso tempo".