PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Participación Cidadá solicita ás asociacións a actualización dos seus datos
A Concellería de Participación Cidadá está a remitir ás diferentes asociacións rexistradas en Santiago de Compostela un escrito, acompañado dunha ficha para cubrir, co fin de que actualicen os seus datos. É fundamental que no Rexistro Municipal de Asociacións se conte coa información actualizada de cada asociación para así manter unha comunicación fluída e como xeito de revitalizar as propias asociacións.
DEPORTES
Borja Golán será o padriño das bolsas a deportistas individuais da Fundación Compostela Deporte
A Fundación Compostela Deporte presentou os 40 deportistas seleccionados, dos cales 15 recibirán as Bolsas da Fundación Compostela para a Formación e Perfeccionamento dos Deportistas Individuais Composteláns 2009. A quinta edición desta convocatoria ten como novidade a súa apertura aos deportistas individuais empadroados na mancomunidade de Santiago de Compostela. Tamén se presentou o padriño desta edición, que será o deportista compostelán Borja Golán.
CULTURA
"Check Out", de Salvador Rubio, leva o primeiro premio do Compostela Plató
É a primeira vez que un texto pensado para unha peza de animación obtén o primeiro premio de Compostela Plató. Check Out, de Salvador Rubio, é o vencedor da presente edición do concurso de guións convocado por Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes que promove a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais. Un equipo de sete persoas en Ficción Producciones encargarase nos vindeiros meses de trasladar a imaxes o texto gañador.
IGUALDADE
Jorge Viz González, de 4º de ESO do IES Rosalía de Castro, gaña o IX Concurso "Educando na convivencia en igualdade"
Nun acto celebrado na Concellería de Igualdade, entregáronse os premios da IX edición do Concurso "Educando na convivencia en igualdade", que leva como lema "A miña visión sobre a violencia de xénero". Presentáronse 45 traballos.
CULTURA
Os Crebinsky desembarcan en Cineuropa cun espectáculo escénico e co avance da película
Trátase da longametraxe galega máis agardada dos últimos tempos. Cineuropa acolle o avance de Os Crebinsky. O filme, que xa está rematado e se estreará de aquí a uns meses. No Teatro Principal proxectaranse ás 22:00 horas os primeiros vinte minutos da metraxe. E isto, aderezado cunha presentación escénico-musical na que participarán o equipo técnico e artístico e mais a banda dos Crebinsky, que interpretará en directo a banda sonora que Pablo Pérez compuxo para o filme.
IGUALDADE
Os xornalistas demandan unha educación responsable e a tolerancia cero respecto á violencia de xénero
O Casino de Santiago acolleu un acto de sensibilización con motivo da celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Nesta ocasión, os protagonistas foron os medios de comunicación, instrumento fundamental na transmisión de valores e na denuncia da violencia contra as mulleres.
TURISMO
O Fórum Gastronómico traerá de novo a mellor cociña a Santiago en 2010
Do 20 ao 24 de febreiro Santiago converterase por segunda vez na capital gastronómica do Arco Atlántico. Algúns dos mellores cociñeiros do mundo, como Ferrán Adrià, Pierre Gagnaire ou Jacob Mielcke amosarán as súas artes culinarias no Recinto Feiral de Amio.
URBANISMO
Santiago participa na Conferencia Anual do Programa Europeo URBACT en Estocolmo
A Concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, foi a encargada de moderar unha mesa redonda na Conferencia Anual de URBACT, inaugurada polo ministro sueco de Empresa e Enerxía, Maud Olofsson e presidida pola directora de Políticas de Desenvolvemento, Natalija Kazlauskiené, da Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea. O acto, celebrado en Estocolmo, enmárcase no programa organizado por Suecia durante a súa Presidencia na Unión Europea.
CULTURA
A Banda Municipal ofrece un concerto especial na residencia de Volta do Castro
O xoves 26 de novembro, ás 17.00 horas, a Banda Municipal dará un concerto especial. Nesta ocasión achegarase á Residencia da Terceira Idade Volta do Castro. Faino dentro da nova programación da Banda, que busca achegar a agrupación á xente e a todos eses composteláns e compostelás que teñen dificultades para poder asistir aos concertos ordinarios, como é o caso dos maiores que están nesta residencia.