PLENO
Aprobados os orzamentos para 2007
O Pleno da Corporación Municipal aprobou inicialmente os orzamentos do Concello para o ano 2007, co voto favorable dos dous grupos de Goberno e o pronunciamento negativo do Partido Popular. Trátase dunhas contas que alcanzan os 114.885.943,31 euros en ingresos e os 110.385.943,31 en gastos, cun superávit inicial previsto de 4,5 millóns de euros.
RELACIÓNS VECIÑAIS
A terceira edición da "Guía cidadá" sae á rúa con máis de 1.700 entradas de información útil
Nos vindeiros días comezará a distribuírse a terceira edición da "Guía cidadá do Concello de Santiago", un útil instrumento para os cidadáns, que chega plenamente actualizada e ampliada. Trala boa acollida das dúas anteriores tiradas, en 2001 e 2003, a publicación sae agora con 1.729 entradas.
ALCALDÍA
Sánchez Bugallo compartiu cos máis pequenos a primeira xornada de "Nadalxogo"
"Nadalxogo" botou a andar como cada ano por estas datas no Multiúsos Fontes do Sar. Ata o 4 de xaneiro, coa única excepción do día 31, os rapaces e rapazas de Compostela teñen a oportunidade de gozar dunha atractiva oferta de actividades e dun espazo para a convivencia. O alcalde non quixo faltar á apertura desta proposta e inaugurou a edición deste ano.
CULTURA
Aberto o prazo de renovación de abonos do Auditorio de Galicia
O Auditorio de Galicia abre o prazo para a renovación e venda de abonos para o segundo e terceiro trimestre da tempada 2006-2007. O programa deste período incluirá os concertos da Real Filharmonía de Galicia co seu director titular Ros Marbà e directores invitados como Mélanie Thiébaut, Maximino Zumalave, Paul Daniel, Edmon Colomer, Tuomas Olila, Jean Jacques Kantorov ou Frans Brüggen. Tamén haberá concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia, da Filharmónica de Frankfurt/Oder e o Concerto Köln, entroutros.
TRANSPORTES
Máis frecuencias para as conexións entre a cidade e Lavacolla
Os veciños de Lavacolla poderán beneficiarse de mellores tarifas no transporte grazas ao protocolo asinado polo Concello e a empresa Freire, segundo anunciou o concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga. A Xunta de Goberno aprobou un acordo que permitirá á súa vez o incremento das frecuencias entre a cidade e o aeroporto compostelán, que pasarán agora a 26 en cada sentido de luns a venres e a 11 os domingos e festivos. Ademais, existe o compromiso de seguir incrementando estas frecuencias segundo a demanda.
LIMPEZA
O servizo de recollida do lixo na zona monumental prolóngase aos domingos e festivos de xaneiro e febreiro
A Xunta de Goberno local aprobou a ampliación do servizo de recollida do lixo na zona monumental durante os domingos e festivos dos meses de xaneiro e febreiro de 2007.
URBANISMO
Aprobado o proxecto de urbanización da rúa de Betanzos
O Concello actuará sobre 3.363 metros cadrados para urbanizar a rúa de Betanzos (Almáciga), nos que se investirán 211.161 euros. Esta actuación incidirá sobre o vieiro e as beirarrúas e permitirá dotar a esta zona de nova iluminación e diverso equipamento complementario.
BENESTAR SOCIAL
Benestar Social dedicará máis de 300.000 euros ao Programa de Axuda no Fogar
O Goberno local aprobou a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para o desenvolvemento do Programa de Axuda no Fogar, por un importe de 42.075 euros. Esta iniciativa vai supor un investimento total de 319.477 euros para o ano 2007 e é un dos proxectos máis cobizosos da Concellaría de Benestar Social.
EDUCACIÓN
Espectáculo de música e danza a cargo de persoas con necesidades educativas especiais
O xoves 4 de xaneiro, ás 19:30 horas, o Teatro Principal será escenario duna particular e integradora iniciativa. A Fundación Igual Arte, que traballa con persoas con necesidades educativas especiais, no campo da educación musical, expresión corporal e artes plásticas, trae a Santiago a obra "Axóuxere de cores".
DEPORTES E EDUCACIÓN
Máis actividades e diversión nunha nova edición de "Nadalxogo"
Nadalxogo volve a ser o espazo lúdico por excelencia destas festas en Compostela. O Multiúsos Fontes do Sar acollerá entre o 27 de decembro e o 4 de xaneiro as actividades, obradoiros e propostas para que o público infantil e xuvenil atope de novo un motivo para compartir.