AEROPORTO
As obras da nova terminal de Lavacolla comezarán antes do remate de 2007
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse co director do Aeroporto de Lavacolla, Juan José Maceira, e co director da Zona Aeroportuaria Norte, Jesús Villarroel. Na xuntanza abordouse a cuestión da nova terminal aeroportuaria e confirmouse a intención de AENA de comezar as obras este mesmo ano 2007. O proxecto do novo edificio será presentado en Compostela no mes de abril.
TURISMO
Compostela e QuFu avanzan na súa colaboración
Unha delegación de arquitectos, enxeñeiros e historiadores da cidade chinesa de QuFu foi recibida en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela. Esta visita forma parte da colaboración entre estas dúas cidades irmandadas, ámbalas Patrimonio da Humanidade. O Concello de Santiago supervisa a reordenación turística e patrimonial de QuFu.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
"De compras por Compostela", unha visión artística de presente e de futuro do comercio local
Os concelleiros de Cultura, Néstor Rego, e de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, acompañados de representantes das asociacións de comerciantes da cidade, inauguraron na Praza Roxa a exposición "De compras por Compostela". A mostra, composta por vinte fotografías dun metro cadrado de superficie cada unha, reflicte a través dunha visión artística de presente e de futuro o dinamismo do comercio compostelán. A exposición clausurarase o 9 de abril.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Máis de 27.000 euros para accións de normalización do galego
O concelleiro delegado de Política Lingüística presentou a convocatoria de subvencións ás entidades sen fin de lucro para apoiar as súas accións de normalización da lingua galega. En total, repartiranse 27.600 euros e a cantidade máxima á que pode acceder cada entidade é de 1.800 euros.
ALCALDÍA
Compostela, tamén un referente tecnolóxico
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu ao presidente de Blu:sens, José Ramón García. Este explicoulle os proxectos da empresa compostelá, fabricante de electrónica de consumo.
ALCALDÍA
"O debuxo por diante" descobre o valor desta manifestación artística en cinco espazos da cidade
Do 13 de marzo ao 29 de abril, poderase contemplar en varios espazos da cidade a exposición "O debuxo por diante". Esta mostra pretende por en valor esta manifestación artística, presentándoa coma unha ferramenta indispensable para coñecer a arte contemporánea de todos os tempos.
CONSUMO
A seguridade alimentaria, protagonista da segunda charla conmemorativa do Día Mundial do Consumidor
Os actos de celebración do Día dos Dereitos das Persoas Consumidoras e Usuarias continúan o mércores 14 cunha charla sobre a seguridade alimentaria. O coloquio terá lugar no Centro Sociocultural do Ensanche ás 20:00 horas, e nel intervirán a presidenta da Federación de Euroconsumo Galicia, Aurora Lamas, e a doutora en Bioloxía Patricia Reboredo.