ALCALDÍA
A cidade de Santiago reafirma o seu compromiso coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos
Con motivo da celebración do Día dos Dereitos Humanos, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, leu un manifesto no que se afirma o compromiso da cidade de Santiago cos obxectivos contidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, proclamada hai 59 anos nesta data pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Este acto enmarcouse na inauguración, na praza da Quintana, dunha exposición itinerante sobre cooperación galega organizada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta.
TRANSPORTES
Tarifas dende medio euro por viaxe para os universitarios que empreguen o transporte urbano
O Goberno local aprobou o convenio de transporte urbano entre o Concello e a Universidade de Santiago para o período 2007-2010, ou sexa, durante tres cursos académicos. Os universitarios beneficiaranse así de bonificacións nas tarifas, de forma que poden viaxar dende 0,50 euros por viaxe.
URBANISMO
Aprobada inicialmente a modificación do Plan Especial de Peleteiro
A Xunta de Goberno local deu o visto bo á modificación do Plan especial do equipamento docente D-19, en Monte Redondo (Montouto), onde se construirán as novas instalacións do Colexio Manuel Peleteiro. Os cambios non son substanciais, non afectan á ordenación e unicamente permiten pequenos axustes nas áreas de movemento dos módulos e na asignación de usos pormenorizados para os mesmos.
TURISMO
Compostela e Xerusalén recuperan os lazos que as unen dende hai séculos
A delegación galega que entre os días 5 e 8 de decembro visitou Terra Santa fixo balance da viaxe nunha rolda de prensa conxunta. O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, que participou nesta expedición, resaltou os resultados satisfactorios da mesma.
RELACIÓNS VECIÑAIS
Obras complementarias na Casa das Asociacións
Tal como anunciara o alcalde na súa recente visita ás obras da Casa das Asociacións, esta será sometida a algunhas actuacións complementarias. Así, a Xunta de Goberno adxudicou a redacción do proxecto modificado da devandita rehabilitación da antiga estación, por importe de 1.900 euros.
EDUCACIÓN
Educación subvenciona con 48.400 euros as actividades de 47 entidades
A Concellaría de Educación acordou a lista das 47 entidades beneficiarias de subvencións para o fomento de actividades educativas e culturais.
DEPORTES
Fariña apunta como prioridade municipal o acondicionamento para probas de atletismo do estadio de San Lázaro
A Fundación Compostela Deporte presentou o atletismo como nova modalidade deportiva da Compostela Cup do Camiño 2008, que se engadirá como competición oficial ás xa existentes no torneo: de fútbol, baloncesto, fútbol sala e balonmán. Neste acto, o vicepresidente da Fundación e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, indicou que é prioridade municipal acondicionar as instalacións de San Lázaro para o desenvolvemento de probas atléticas.