ALCALDÍA
Minutos de silencio en recordo dos atentados do 11-M e polas últimas vítimas da violencia machista
A praza do Obradoiro acolleu un minuto de silencio con motivo da conmemoración do 15º aniversario dos atentados do 11 de marzo de 2004, a proposta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e da Asociación de Vítimas do Terrorismo. A continuación, gardouse outro minuto de silencio para condenar os últimos asasinatos machistas, acontecidos en Valga (Pontevedra), Madrid e Estepona (Málaga).
XUNTA DE GOBERNO
Concello e Acuaes asinarán o venres o convenio para desenvolver o proxecto da EDAR da Silvouta por diálogo competitivo
O alcalde, Martiño Noriega, viaxará o venres a Madrid para asinar con Acuaes o convenio para o financiamento dos custos incorridos no proceso de diálogo competitivo para a determinación do proxecto de construción da EDAR da Silvouta. O acordo foi aprobado hoxe pola Xunta de Goberno.
FACENDA E MEDIO AMBIENTE
O Goberno local modificará a ordenanza fiscal do lixo para incorporar a bonificación de SOGAMA
A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, e o edil de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deron conta hoxe da modificación da ordenanza fiscal de recollida do lixo. A proposta ten que pasar pola Comisión de Facenda e polo Pleno e incorporará a bonificación do canon de SOGAMA aprobado o 23 de xaneiro pola Xunta de Galicia, que establece un 10% de bonificación, pasando de 69,83 por tonelada ea 62,93 no 2019.
CONSORCIO
A Real Filharmonía de Galicia estrea a premiada obra "Nocturno Sinfónico", de Marcos Fernández-Barrero
A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos, o primeiro deles o xoves 14 na súa sede, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, no marco da súa tempada de abono. O venres 15, a orquestra desprazarase a Vigo, onde tocará no Teatro Afundación da cidade, ás 20:00 horas, dentro da tempada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. A batuta de ambos os concertos levaraa o mestre suízo Baldur Brönniman, no que será o seu debut coa RFG.
XUNTA DE GOBERNO
Adxudicada a obra da cuberta da pista polideportiva de Verdía
A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras da cuberta da pista polideportiva de Verdía. A actuación, vinculada ao POS 2018, adxudicouse por un importe de case 115.000 euros, IVE incluído.