ACCIÓN CULTURAL
O filme "L'insulte" gaña a 31ª edición de Cineuropa
Nunha axustada disputa con Lucky, de John Carroll Lynch, e Visages Villages, de Agnes Varda e JR, a película gañadora desta 31ª edición de Cineuropa foi finalmente L'insulte, valorada polo público do festival cun 8,56. O filme de Ziad Doueiri obtivo este ano o Premio ao Mellor Actor no Festival de Venecia 2017 pola formidable interpretación de Kamel el Basha, e o Premio do Público do American Film Institute.
CONVIVENCIA
Bombeiros e Protección Civil regulan nun convenio a coordinación operativa en casos de emerxencias
O concelleiro de Convivencia, Xan Duro, xunto coa responsable de Protección Civil, Begoña del Río, e o xefe dos Bombeiros, Xesús Martínez, presentou o convenio subscrito entre dous corpos para regular a actuación operativa en caso de emerxencias nas que é necesaria a presenza dos mesmos. Na rolda de prensa tamén se deu conta dun novo curso de acceso a Protección Civil para voluntarios.
MEDIO AMBIENTE E INFORMÁTICA
O Concello de Santiago, pioneiro na captación de fondos europeos destinados ao fomento da compra pública innovadora
O Concello de Santiago vai ser o primeiro do Estado en asinar un convenio co Ministerio de Economía para a captación de fondos europeos FEDER destinados ao fomento da compra pública innovadora, no período 2014-2020. A firma deste acordo, que foi aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación municipal, permitirá desenvolver o proxecto Smartiago, no que o Goberno local leva traballando dende comezos do mandato.
CONSORCIO
Últimas visitas guiadas pola mostra que conmemora os 25 anos de traballo do Consorcio no patrimonio histórico e cultural da cidade
Baixo o título Consorcio de Santiago, Cultura e Patrimonio. 25 anos do Consorcio na cidade, o organismo promove unha exposición que repasa a súa traxectoria. A mostra ten dúas sedes, a Casa do Cabido (na praza das Praterías), onde se reúne o labor cultural da entidade; e a Fundación Torrente Ballester, que concentra as súas actuacións no patrimonio histórico.
TURISMO
"Taco de outono" e "Mexillón galego que se volveu nikkei", tapas gañadoras da décima edición de Santiago(é)tapas
O Museo do Pobo Galego acolleu a gala de entrega de premios da décima edición de Santiago(é)tapas, concurso de tapas organizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela que se celebrou do 2 ao 19 de novembro. Desta vez consumíronse máis de 34.000 tapas, cun crecemento de máis do 10% respecto ao ano pasado.
POLÍTICAS SOCIAIS
Concha Fernández clausura o I Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social
O edificio da Casa das Asociacións de Benestar Social, CABES, ubicado en Salgueiriños, acolleu a entrega de diplomas do Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social. Os/as participantes recolleron o recoñecemento de mans da concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández.