EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Concellaría de Educación e Cidadanía súmase ao Día Internacional das Rapazas nas TIC "Girls in ICT Day 2016"

26/04/2016 O Departamento de Educación vén de sumarse ao Día Internacional das "Rapazas nas TIC" (Girls in ICT), promovido e coordenado pola ITU (International Telecommunications Union), da que España é membro, para crear unha contorna global que promova e apoie as rapazas para que consideren carreiras no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs).

Celebrarase o vindeiro xoves 28 de abril no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Este acto está dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das TIC, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación entre elas e as rapazas e rapaces dos institutos de secundaria de Galicia.

O CESGA, promotor do Proxecto Europeo "ICT-Go-Girls!, Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC", e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, coordinan a iniciativa galega "Rapazas Emprendedoras nas TIC" no marco do Plan Proxecta, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, que se dirixe ás rapazas de primeiros anos de secundaria para proporcionarlles unha imaxe máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico, cara lograr unha maior presenza feminina no eido das TIC.

Na xornada do 28 participarán catro mulleres:

- Natalia Costas Lago, enxeñeira en Telecomunicacións e máster en Seguridade da Información, xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) e os servizos de rede do Centro de Supercomputación de Galicia, ademais de participar en proxectos innovadores baseados en redes de banda ampla.

- Susana Gómez Carnero, doutora en Enxeñería Informática, CEO en Origami Soluciones, (www.origamisoluciones.com), empresa de consultoría e desenvolvemento de solucións TIC. Directora executiva BNI Galicia.

- Rebeca García Fandiño, doutora en Química e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela. Traballa no desenvolvemento de software científico baseado en dinámica molecular para apoiar a educación (mduse.com).

- Lorena Otero Cerdeira é doutora en informática pola Universidade de Vigo. Docente e investigadora do LIA2 (Laboratorio de Informática Aplicada) da Universidade de Vigo. Membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, na que tamén preside a súa comisión de Igualdade.

Para participar nesta sesión é necesaria a inscrición previa no correo electrónico e-learning@cesga.es. Para ambas actividades haberá prazas limitadas. Toda a información actualizada do evento está na seguinte páxina web: www.ictgogirls.eu/index_gl_Fnode_F102.html.

Compartir: